Ir o contido principal
STG

A USC celebra este luns o acto académico de San Tomé de Aquino na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo

A profesora Inmaculada Cárdenas pronunciará a lección maxistral ‘A Pedagoxía da Creación Musical (PCM) e o seu desenvolvemento no Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS)’

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará acto académico con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, o vindeiro luns, 28 de xaneiro, ás 12.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

O reitor da USC, Juan José Casares Long, abrirá esta solemne cerimonia académica, que tradicionalmente se celebra no campus de Lugo, logo de que as voces do Coro Universitario interpreten o ‘Veni Creator’. De seguido, a profesora da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e catedrática de escola universitaria da USC, Inmaculada Cárdenas Serván, pronunciará a lección maxistral da festa de San Tomás de Aquino, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘A Pedagoxía de Creación Musical (PCM) e o seu desenvolvemento no Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS)’.

O discurso do reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela e a posterior entoación do ‘Gaudeamus Igitur’, a cargo das voces do Coro Universitario, servirán de colofón a un acto académico que, ano tras ano, congrega no campus de Lugo a destacadas autoridades académicas, políticas e sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2013.