A USC celebrará en xullo un curso sobre a romanización en Galicia no Campus de Lugo

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, presentaron este martes o ‘Curso de actualización sobre a Romanización de Galiza. Do castro á cidade: a romanización na Gallaecia e na Hispania indoeuropea’, que se celebrará no Campus de Lugo entre os días 21 e 23 de xullo.
No acto de presentación estiveron tamén a concelleira de Cultura, Concepción Burgo, xunto co director do curso, o profesor Manuel Villanueva e a responsable de coordinación académica, a profesora Dolores Dopico.
Esta acción formativa para a que está aberto o prazo de inscrición ata o día 15 de xullo, está dirixida a profesores de Ensino Secundario e Bacharelato das materias de Xeografía e Historia, Arte, Latín, Grego e Cultura Clásica, estudantes e licenciados en Humanidades, Filoloxía Clásica, Xeografía, Historia e Arte.
Cunha duración de 30 horas lectivas, celebrarase na Facultade de Humanidades, no Museo Provincial de Lugo e no Museo do Castro de Viladonga. A idea principal deste curso é a de proxectar ao coñecemento da sociedade aspectos da investigación que deben transcender os límites estritos do ámbito académico e constituír unha oferta cultural que contribúa á posta en valor dunha idea de historia viva. A finalidade última do mesmo será, en definitiva, a comprensión do fenómeno romanizador na vertente que atinxe á reordenación do espazo, con especial atención á aparición da cidade como elemento da organización do territorio, as orixinais formas de simbiose entre a tradición indíxena e a influencia romana, que na antiga Gallaecia, dá por resultado unha cultura galaico-romana.
A información e inscrición para este seminario poderá realizarse nos correos electrónicos phmaviac [at] usc.es (phmaviac[at]usc[dot]es) ou hadoca [at] lugo.usc.es (hadoca[at]lugo[dot]usc[dot]es). Ademais, os alumnos participantes obterán un crédito de libre configuración.
O programa, que se desenvolverá en tres días, contará coa participación como relatores dos máis importantes investigadores da romanización. A temática centrarase nos estudos da romanización nas cidades de Lugo, León, Astorga e Braga, incluíndo os últimos descubrimentos no castro da Piringalla; nos pobos indíxenas do Norte e do proceso de paso do castro á cidade.