USC e o club Arenal Emevé, da man na compatibilización do deporte de elite cos estudos universitarios

A USC e o club de voleibol Arenal Emevé estreitan o seu vínculo cun acordo que ten como obxectivo facilitar a compaxinación dos estudos universitarios coa práctica deportiva, así como tamén achegar a comunidade universitaria ao club. Varios equipos e a directiva da entidade lucense celebraron unha xuntanza co reitor da USC, Antonio López. O encontro dá novos pasos na procura de intensificar a relación da institución académica coas distintas entidades deportivas galegas, logo dos primeiros encontros celebrados en semanas pasadas con máis de 70 entidades representativas das comarcas de Lugo e Compostela. Como se sinalou na xuntanza, os equipos do Emevé, tanto o masculino como o feminino da primeira categoría do voleibol estatal, incorporarán nas súas camisetas de competición o logo da USC.
A representación do club lucense neste acto estivo encabezada pola súa presidenta, Bibí Bouza, á que acompañaron o director deportivo, Rubén López, o tesoureiro, José Luis Carballés Picos; o director de categorías de formación, Juan Carlos Burgo; e a coordinadora do programa académico, Mercedes Pardo. Por parte da USC tamén participaron o delegado para o Deporte, Javier Rico, e o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, así como a decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Sarceda; a directora da Escola de Enfermaría, Mª Pilar Penela; e o subdirector da EPSE, Emilio V. Carral. Tamén asistiron o adxunto á vicerreitoría, Antonio Álvarez González, e o responsable de actividades deportivas do Campus de Lugo, Jesús Castro.
A USC busca deste xeito “fortalecer a consideración do deporte como un valor transversal no proceso formativo, ao tempo que prestar atención específica aos membros da comunidade universitaria que compatibilizan a práctica deportiva cos estudos universitarios”, explicou o reitor da USC Antonio López. Pola súa banda, Bibí Bouza sinalou que o acordo axudará a “evitar o abandono da práctica deportiva ao que moitos xogadores e xogadoras se ven obrigados ao alcanzar as categorías profesionais. E agardamos tamén que sirva para afianzar o sentimento de pertenza da comunidade universitaria con respecto ao club. Primeiro por identificación cos seus compañeiros e compañeiras, pero ademais tamén pola alternativa de lecer que supón gozar da alta competición”
O encontro coas deportistas/os e equipos directivos dos clubs é unha oportunidade para “coñecer os seus intereses e necesidades específicas así como unha oportunidade para avanzar nos procesos de titorización e apoio ás universitarias e universitarios que actualmente compaxinan os estudos superior coa práctica deportivo ou a competición”, sinalou Antonio López. O reitor destacou a importancia do Club Voleibol Emevé, con máis de 400 licenzas e 50 equipos de distintos niveis, cunha importancia destacada do deporte de base e pola equidade de xénero. Actualmente, seis estudantes da USC forman parte dalgún destes equipos.