Ir o contido principal
STG

A USC e o Concello colaborarán na prevención de emerxencias en espazos universitarios

De esquerda a dereita, Maribel García, José M. Villanueva, Xan Duro e Xesús Martínez. Foto: Concello
De esquerda a dereita, Maribel García, José M. Villanueva, Xan Duro e Xesús Martínez. Foto: Concello
A colaboración ten como obxectivo a mellora das actuacións en situacións de emerxencia e no ámbito da prevención de riscos laborais

A USC e o Concello de Santiago colaborarán na mellora das actuacións en situacións de emerxencia e no ámbito da prevención de riscos laborais nos espazos universitarios. Coa colaboración do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do concello compostelán (SEIS), este plan de actuación inclúe a realización de cursos básicos de loita contra o lume e manexo de extintores e bocas de incendio así como a participación en simulacros de evacuación das facultades e outras dependencias universitarias co obxecto de acadar ter capacidade para responder eficazmente en situacións de emerxencia.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o xerente da USC, José Manuel Villanueva, xunto co xefe do SEIS, Xesús Martínez, e a responsable de Prevención de Riscos da USC, Maribel García del Río presentaron en rolda de prensa esta iniciativa, regulada por un convenio que asinarán proximamente a USC e o Concello de Santiago, e na que tamén se contempla a realización de visitas programadas aos distintos centros da USC. Así o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento municipal coñecerá de primeira mans as instalacións, as súas medidas de seguridade, materiais que se manexan, o perigo que pode levar consigo a súa manipulación e, en xeral, ter unha axeitada información dos riscos que poder xerarse para poder dar unha resposta eficiente en caso de emerxencia.

De xeito complementario, a USC ofertará charlas formativas para o persoal universitario e o colectivo de bombeiros sobre materias de interese común dentro do contexto de prevención de incendios. A planificación e programación anual concretarase de mutuo acordo entre o SEIS e o Servizo de Prevención de Riscos da USC e serán os/as bombeiros/as de servizo os que desenvolvan as tarefas de colaboración.

Convenio exemplar
José Manuel Villanueva cualificou este convenio de exemplar, porque “demostra que as institucións poden manter colaboracións que teñan aplicacións prácticas e que non supoñan un desembolso económico”. Xosé Manuel Villanueva explicou que a USC conta con 40 edificios con peculiaridades que é positivo que os Bombeiros coñezan con antelación. Así “moitos están situados no casco histórico, onde hai maiores dificultades para actuar en caso de incendio e outros acollen actividades que pola súa natureza obrigan a utilizar materiais perigosos e inflamables”.

A responsable de Prevención de Riscos da Universidade, Maribel García del Río, sinalou que os bombeiros xa inspeccionaron a Facultade de Químicas e o CIQUS e para finais deste mes están previstas visitas á Facultade de Farmacia, a Escola Superior Técnica de Enxeñería, e un simulacro de emerxencias nalgún edificio da USC na cidade vella.

Ademais destas actividades, o persoal da Universidade recibirá formación sobre manexo de extintores e bocas de incendios. O xefe de Bombeiros, Xesús Martínez, salientou a importancia de que a comunidade universitaria adquira estes coñecementos “porque poden facilitar o traballo posterior do Servizo de Extinción”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2016.