Ir o contido principal
STG

USC, Concello e Deputación de Lugo presentan este luns a programación de Lugo Cultural para 2015

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado provincial delegado da área de Cultura, Mario Outeiro, presentarán este luns, día 19 de xaneiro, a partir das 11.30 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do campus lugués, un avance das actividades culturais planificadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural para o ano 2015.

A oferta de actividades previstas para 2015 ao abeiro do convenio Lugo Cultural, en cuxo financiamento participan USC, Concello e Deputación de Lugo, é ampla e conserva os principais sinais de identidade dunha programación lúdica e cultural aberta á participación de todos os públicos e xa consolidada na capital luguesa. A música clásica e galega, o teatro, a danza e a fotografía seguirán a ser un ano máis os piares fundamentais do Lugo Cultural, un convenio a través do que a USC, grazas ao apoio recibido das institucións locais, dá especial visibilidade ás accións de extensión universitaria no campus lugués. O novo programa do Lugo Cultural 2015, do mesmo xeito que en edicións anteriores, concederá tamén destacada relevancia ao debate das ideas e ao fomento do coñecemento a través da celebración dunha nova edición dos Cursos de Primavera da USC, un seminario cuxa organización e temática vén promovida polo profesorado da Facultade de Humanidades de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2015.