Ir o contido principal
STG

A USC e o Concello de Lugo asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Campus de Lugo

O reitor da USC e o alcalde de Lugo asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Campus de Lugo
O reitor da USC e o alcalde de Lugo asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Campus de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, e o alcalde de Lugo, José López Orozco, asinaron este mércores un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Campus de Lugo en cuestións relacionadas coas infraestruturas, urbanismo, docencia e investigación. Ao acto tamén asistiron o vicerreitor de Coordinación e o vicexerente do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre e Xosé Antón Freire Ramos, respectivamente, ademais dos voceiros dos grupos políticos municipais.
O reitor destacou a vontade de chegar a un acordo entre o Concello e a Universidade e explicou que deste xeito quedan saldadas as contas entre as dúas institucións polo imposto do IBI de varios anos e numerosas licenzas, no que a Universidade verase beneficiada por unha exención do IBI nun 95% e o 5% restante será devolto á USC para reverter no campus lucense.
Pola súa banda o alcalde de Lugo loou os esforzos da USC para a súa mellora e o seu traballo diario e amosou a intención de facer todo o posible dende o Concello, algo que xa se pon de manifesto coa sinatura doutros convenios e acordos como o Plan Director do Parque Rosalía de Castro que será encargado á USC, a cesión dunha finca para a realización de prácticas no Campus e a creación do Centro Tecnolóxico Agroalimentario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2007.