Ir o contido principal
STG

A USC e o Concello de Lugo promoven as Xornadas ‘Novas redes para o voluntariado en Europa’ no Ano Europeo do Voluntariado

De esquerda a dereita Pedro García Herradón, José López Orozco e Sonia Suárez
De esquerda a dereita Pedro García Herradón, José López Orozco e Sonia Suárez

Os días 14, 15 e 16 de abril celebraranse en Lugo unhas xornadas baixo o lema ‘Novas redes para o voluntariado en Europa. 2011 Ano Europeo do Voluntariado’ organizadas polo Concello de Lugo en colaboración coa USC. Esta actividade, que se desenvolverá os días 14 e 15 no salón de actos do CEI-NODUS e o 16 na Facultade de Humanidades, foi presentada este venres 8 de abril polo Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o alcalde de Lugo, José López Orozco, e a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez. García Herradón destacou a intención da USC de achegar o voluntariado cara a sociedade a través do CEI- Nodus e de “fomentar os valores máis alá dos meros coñecementos”. O vicerreitor fixo fincapé na aplicación das redes de comunicación 2.0 ao voluntariado e na necesidade de xerar sinerxías entre colectivos que traballan dende distintos ámbitos sobre esta área. A USC colabora co Concello dende a súa Oficina de Voluntariado Social no Campus de Lugo, servizo do que Fátima Teixeiro é responsable. Teixeiro explicou que, en consonancia coa súa misión de servizo á sociedade alenta de forma continuada aos seus estudantes a ser voluntarios e colabora nestas xornadas organizadas polo o Concello de Lugo a través da Oficina EuropeDirect. O voluntariado é, apunta a responsable de voluntariado no Campus de Lugo, “unha das expresións fundamentais da participación cidadá e da democracia que pon en práctica valores europeos como a solidariedade e a non discriminación tal e como se recolle na Declaración do Ano Europeo de Voluntariado”. Interese para a comunidade universitaria Esta iniciativa pon na man da comunidade universitaria vinculada ao voluntariado as posibilidades que ofrecen as redes sociais e a comunicación 2.0. Nestas xornadas debateranse, entre outros, temas coma os usos das redes sociais, as ferramentas máis comúns dende o punto de vista das novas tecnoloxías, e tamén se apreciará a súa utilidade a través dun obradoiro. Outro dos puntos de interese será coñecer como funciona un proxecto europeo a través da experiencia práctica da Escola de Tempo Libre Don Bosco. Por outra banda tamén se amosará a importancia que cobran as redes na sociedade actual a través da presentación a EAPN- Rede Europea de loita contra a Pobreza, a Plataforma Estatal de Voluntariado, e a Rede Lucense de Voluntariado. No programa inclúense actividades culturais como unha visita á exposición ‘A Domus do Mitreo’ e a asistencia a un espectáculo do Encontro Universitario de Danza Contemporánea a través da colaboración da Oficina de Cultura do Campus de Lugo.

Para participar nestas xornadas é necesario inscribirse previamente, a pesares de que a matrícula é gratuíta. O prazo para inscribirse rematará o 12 de abril. Toda a información está dispoñible no espazo web do SEPIU. Estas xornadas, recoñecidas cun crédito de libre configuración para todos os estudantes da USC, están dirixidas a estudantes da USC, persoas voluntarias e persoal técnico das entidades de voluntariado, así como a todas aquelas persoas con interese no voluntariado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2011.