Ir o contido principal
STG

A USC consolida o seu liderado en internacionalización coa sexta posición entre as universidades españolas xestoras do programa Erasmus + KA 171

Alumnado en Filoloxía. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Alumnado en Filoloxía. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá contará con preto dun millón de euros para xestionar o período 2022-2025
Lugo, Santiago de Compostela

A USC ocupa a sexta posición en orzamento concedido no marco de programa Erasmus+ KA171 para o período 2022-2025 nun cómputo total de 67 institucións de Educación Superior en toda España e a primeira a nivel galego. Segundo publicou o SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) a finais de setembro para o programa ‘Erasmus+ Mobilidade educativa de estudantes e de persoal de Educación Superior’, a institución compostelá contará neste próximo trienio con preto dun millón de euros (924.125). As universidades de Valladolid, Granada, Málaga, Xaén e Cádiz ocupan, nesta orde, os cinco primeiros postos en orzamento para a xestión deste programa, financiado con fondos de política exterior.

“O orzamento acadado é un recoñecemento ao labor que a USC vén realizando dende 2016 na xestión deste programa, a través da Oficina de Mobilidade”, destacou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.

 Este proxecto denominarase a partir desta convocatoria Erasmus+ KA171, no lugar da antiga nomenclatura Erasmus+ KA107. Ao elenco de países xa consolidados como Senegal, Cabo Verde, Xordania, Líbano, Palestina ou Siria súmanse neste período novos países da África subsahariana como Santo Tomé e Príncipe.

Romper a identificación con Erasmus

“Tradicionalmente a mobilidade asóciase ao programa Erasmus, a Europa e a alumnado de grao, pero nos últimos anos o elenco de países incrementouse notablemente, así como o espectro de participantes, xa que é unha iniciativa aberta a Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal de Administración e Servizos (PAS)”, sinalou López Couso. “Por iso, é totalmente necesario romper a identificación de mobilidade con Erasmus”, engadiu.

Dende a posta en marcha desta acción en 2016 a USC traballou en cooperación internacional con máis de 100 universidades de ata 36 países. Con esta nova dotación orzamentaria participarán no programa 130 estudantes saíntes e entrantes de grao, mestrado ou doutoramento. Por outra banda, 90 membros da comunidade universitaria de PDI e PAS entrantes e saíntes realizarán mobilidades cos países cos que colabora a USC.

No marco do Programa Erasmus + KA 171, a Oficina de Mobilidade ten organizado dende 2018 catro encontros denominados ‘Staff Weeks’ dirixidos ao persoal técnico das institucións participantes. O obxectivo primordial destas iniciativas é establecer sinerxías entre as universidades participantes, poñer en común metodoloxías de traballo e boas prácticas, para acadar nunha optimización dos recursos e acometer proxectos de investigación de maior envergadura de forma conxunta.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2022.