A USC é a cuarta universidade de España en incubación de spin-offs, unha posición excepcional no ecosistema de transferencia de coñecemento
A USC é a cuarta universidade de España e a primeira de Galicia en incubación de spin-offs, con 34 compañías activas que xeran uns 150 empregos de alto valor e unha facturación anual duns 10 millóns de euros. No conxunto das tres universidades galegas, o número de spin-offs activas ascende a 48, o que supón o 5,2% do total nacional. Por sectores de actividade, estas compañías xurdidas das universidades e centros de investigación de Galicia están especializadas en ámbitos como Biotecnoloxía (26,9%), TIC (25%), Enerxía e Recursos (15,4%).
Así se pon de relevo no informe ‘O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025’, elaborado por Mobile World Capital Barcelona (MWCapital) e presentado este martes en Santiago nun acto organizado pola USC e a MWCapital desenvolvido na sede do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS).
A sesión foi inaugurada por Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento da USC, quen subliñou a posición excepcional da USC no ecosistema de innovación e transferencia de coñecemento en España, facendo que “Santiago de Compostela, e Galicia en xeral, emerxa como unha contorna idónea para acoller a presentación do informe da MWCapital, non so polo peso obxectivo da USC na creación de empresas deep tech, senón tamén pola súa capacidade para articular ciencia, talento, institucións públicas e tecido produtivo galego, proxectando a Galicia como un nodo relevante dentro da rede de innovación española”. Asemade, destacou que “a carteira de participadas da USC, con máis de 30 empresas baseadas no coñecemento, e esta capacidade de impulsar a actividade empresarial baseada na ciencia debe ser tida moi en conta no deseño das políticas de desenvolvemento local e rexional.”
A nivel estatal, o informe pon de manifesto que o número de spin-offs deep tech creceu un 3,6% no último ano, alcanzando 1.007 empresas activas, cunha facturación conxunta de 1.400 millóns e 13.456 empregos de alto valor.
No transcurso do evento houbo un coloquio sobre o ecosistema de spin-offs en Galicia, no que participaron Inmaculada Rodríguez, directora xeral de UNIRISCO; Raquel Rodríguez, directora xeral de Xesgalicia, e Albert Mascarell, director de Transferencia Tecnolóxica de MWCapital, quen na súa intervención sinalou que “Galicia demostra que a colaboración entre ciencia e empresa é unha realidade e o noso obxectivo é seguir impulsando esta conexión, acompañando a institucións referentes como a Universidade de Santiago de Compostela para que o talento investigador se convirta en proxectos que xeren valor económico e social en áreas clave como a saúde, a enerxía ou as TIC."
Na sesión houbo ademais unha mesa redonda coa participación de dúas spin-offs da USC, Energhius, unha compañía especializada no deseño de circuítos microelectrónicos avanzados para a recolección de enerxía, e Albor Biotech, que traballa solucións que aceleran o desenvolvemento de terapias innovadoras dirixidas a patoloxías metabólicas. Ambas compañías exemplifican a capacidade da USC para transferir o seu coñecemento, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). A spin-off catalana Ephion Health, desenvolvedora dunha solución para crear biomarcadores dixitais a través da IA para monitorizar a pacientes, tamén participou na mesa redonda.
Sobre Mobile World Capital Barcelona
MWCapital é unha fundación público-privada que impulsa o desenvolvemento dixital da sociedade para construir un futuro máis inclusivo, equitativo e sostible mediante o uso humanista da tecnoloxía. Impulsa iniciativas no ámbito da transferencia tecnolóxica, o fomento do talento dixital e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos innovadores con impacto social.