A USC debate sobre o modelo lingüístico para o ensino non universitario en Galicia

A Facultade de Ciencias da Educación acolle as xornadas ‘Lingua e Educación en Galicia, que comezaron esta mañá e que se prolongarán ata o medio día do sábado. Segundo declarou na inauguración Jesús Rodríguez, vicedecano deste centro e membro da Comisión de Normalización Lingüística, o reto destes relatorios é “responder ós interrogantes que nos permitan interpretar a situación sociolingüística actual”. Para acadar este obxectivo, polo salón de actos da facultade pasarán distintos persoeiros vencellados á normalización lingüística en xeral, e ao ensino en galego en particular. O evento está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e polas Comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e da Escola Universitaria de Formación do Profesorado.
O sociolingüísta da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, foi o encargado de botar a andar as xornadas cun relatorio sobre a situación social da lingua galega. Coa experiencia que achega levar máis de vinte anos traballando nesta área, comezou a súa exposición cunha radiografía dos usos idiomáticos dos galegos e galegas, facendo especial fincapé nos perda de galegofalantes nas franxas de idade máis novas. Para reverter esta situación, Ramallo criticou a transmisión interxeracional como elemento fundamental para estender o uso social do galego e situou aos neofalantes como unha clave para o futuro do idioma. Para o relator, o prestixio da nosa lingua é un elemento mobilizador para a súa aprendizaxe e o seu uso, polo que considera que hai que asociar o galego con mobilidade socioeconómica, destacando que “ata que haxa demanda social, non haberá prestixio”.
O segundo relatorio correu a cargo de Bieito Silva, da USC, quen abordou o sistema escolar e as linguas. Ao longo da súa exposición deu unha visión retrospectiva da introdución do galego no sistema educativo e fixo unha defensa do plurilingüismo para Galicia, máis partindo do idioma que está minorizado, o galego.
A derradeira intervención da mañá foi a xeito de mesa redonda e contou coa participación de Mercedes Queixas, coordinadora territorial dos Equipos de Normalización Lingüística da provincia da Coruña; Valentina Formoso, do IES Félix Muriel de Rianxo; e Xosé Lastra, do CEIP Manuel Masdías de Ferrol. Estas tres persoas están involucradas co proceso normalizador na súa vida profesional e ao longo das súas exposicións amosaron a súa visión sobre o que debía ser a planificación lingüística, non só a nivel educativo, senón tamén no resto da sociedade. Asemade, a través da súa experiencia explicaron os problemas que foron atopando e reflexionaron sobre as novas linguaxes coas que había que dirixirse ao alumnado do século XXI.
A sesión de tarde comeza cun debate con representantes das tres forzas políticas parlamentarias sobre un modelo lingüístico de consenso, e continuará cun relatorio do Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, sobre o novo decreto sobre as linguas no sistema educativo non universitario.
O sábadoSerán alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da USC quen dean comezo á xornada do sábado expoñendo diversos usos lingüísticos e ideas sobre as linguas, nunha charla que se completará coa proposta de profesores dese centro e da Facultade de Filoloxía compostelá para a formación dos futuros docentes en relación coas linguas e co seu ensino.
As xornadas rematan na mañá do sábado co relatorio ‘Linguas e globalización en Europa’ a cargo do profesor da USC e director do Observatorio “Atrium linguarum”, José Manuel Vez.