A USC define un abano de accións para absorber nos próximos seis anos o seu déficit acumulado
O Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio da Universidade de Santiago permitirá absorber nos próximos seis anos o déficit acumulado da institución académica, estimado en 16 millóns de euros a finais de 2014, así como comezar a formular dende 2015 e para os seguintes anos orzamentos en equilibrio ou superávit. O documento avalado polo Consello Social da USC é unha proposta do equipo de goberno do reitor Juan Viaño que incorpora ademais as achegas dunha comisión técnica (formada por todos os vicerreitores/a de economía dos últimos vinte anos e profesorado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais) e do catedrático de Dereito Financeiro e Tributario Antonio López. As vías para alcanzar estes obxectivos de equilibrio orzamentario da Universidade de Santiago xuntan a contención do gasto corrente, a renegociación da débeda ou o deseño dun plan de mellora na xestión e captación de ingresos ao longo de 2015, ano en que debe negociarse o novo plan de financiamento do Sistema Universitario Galego. Ademais, entre as propostas figuran a redución do gasto no capítulo I (correspondente a persoal) en 13,4 millóns de euros entre 2014 e 2018, o que suporá a redución deste capítulo nun 10% en 2018. A redución conseguirase coa amortización de prazas por xubilacións obrigatorias de funcionarios docente e de persoal de administración e servizos, o que representaría 10,4 millóns de euros. Neste capítulo vaise iniciar tamén unha negociación interna dun abano de medidas adicionais que contemplan axustar a actual estrutura de departamentos e institutos universitarios e que levaría parella a minoración dos custes por ocupación de cargos académicos. Tamén se prevén procesos de funcionarización entre o persoal laboral. A través deste paquete de accións adicionais, a USC estima un aforro de 3 millóns de euros distribuídos entre as anualidades de 2015, 2016 e 2017. Gasto corrente No apartado relativo á contención do gasto corrente, o obxectivo que se propón o actual equipo de goberno é que os próximos orzamentos só medren un promedio do 1% anual neste concepto, dende os 24,7 millóns de euros actuais de 2014 aos 25,7 millóns en 2018. Esa evolución esixirá seguir aplicando medidas de aforro por riba das xa tan importantes adoptadas nos anos anteriores, en que xa se diminuíu o gasto corrente en 6 millóns de euros. Anticipos reembolsables
Coa renegociación da débeda bancaria, que ascende a 25,9 millóns de euros, búscase obter dous anos de carencia nas amortizacións e alterar o mínimo necesario os prazos finais das operacións. Tamén se contempla o pagamento dos anticipos reintegrables do Ministerio de Economía (23,8 millóns de euros) co calendario previsto para os 14,3 millóns primeiros e aprazando entre dous e tres anos o resto (9,5 millóns de euros). Para completar este conxunto, o equipo de Juan Viaño apostará por mellorar os instrumentos de xestión, información e control económico para posibilitar un seguimento efectivo e unha actualización deste plan.