USC e Deputación da Coruña renovan a súa colaboración para a programación cultural, artística e científica
A USC e a Deputación da Coruña renovan a súa colaboración para desenvolver un ano máis a programación da Universidade de Santiago para o fomento da educación, a investigación, a transferencia do coñecemento e as actividades culturais, artísticas e científicas no ano 2024, segundo o convenio que asinaron este luns na sede da institución provincial o reitor da USC, Antonio López e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e que supón destinar 125.000 euros á programación da USC, é dicir, o financiamento do 80% do orzamento total, de 156.200 euros.
A colaboración económica da Deputación serve para impulsar a programación cultural anual da universidade, con actividades de teatro, música, danza e exposicións, así como congresos e seminarios e o Programa Universitario ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’ para maiores de 50 anos, que se desenvolve nas comarcas para as persoas que non poden seguir os cursos nas instalación universitarias.
Este acordo de financiamento supón ademais, entre outras cuestións, o apoio para os programas de detección e captación de talento do estudantado coma Estalmat, orientado a detectar aptitudes matemáticas avanzadas entre estudantes de secundaria e proporcionalles un programa formativo adaptado ao seu talento, ou ‘A Ponte entre a USC e o Ensino Medio’ para a captación do alumnado cos mellores expedientes procedentes do bacharelato e ciclos formativos.
Outros programas
Con estes fondos, a USC financia tamén parte da restauración e catalogación do seu patrimonio histórico-artístico e do desenvolvemento do Museo Virtual, así como o programa Faíscas Culturais, que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas.
Formoso destacou a importancia deste tipo de colaboracións xa que “permiten manter programas importantes para a detección e captación do talento entre a nosa xente moza, axudan a promover a cultura entre os estudantado universitario e contribúen ao avance do coñecemento”. Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, afirmou que “sempre é unha boa nova renovar a colaboración que manteñen dúas institucións como a USC e a Deputación da Coruña, porque o esforzo compartido amplifica o resultado e a capacidade de conseguir resultados”.
Formoso e López asinaron tamén este luns os convenios para o desenvolvemento da 27 Conferencia Europea en Intelixencia Artificial (ECAI), cunha achega económica de 50.000 euros por parte da Deputación, e o destinado a colaborar na organización das xornadas sobre seguridade vial e atención a vítimas de accidentes do Pazo Mariñán.