USC, Deputación de Lugo e Asoporcel impulsan unha explotación experimental de cría de porco celta na finca Gayoso-Castro
A USC e a Deputación Provincial de Lugo impulsan xunto coa Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel) a creación dun centro experimental de porcino orientado cara a cría e reprodución da raza porco celta na finca Gayoso-Castro, no concello de Castro de Rei, segundo se recolle no protocolo acordado entre as tres entidades e que foi aprobado este venres pola Xunta de Goberno da institución provincial. Esta nova dotación pretende servir para cubrir as necesidades docentes e de investigación da Facultade de Veterinaria e da Escola Politénica Superior de Enxeñería (EPSE) do campus de Lugo da USC, ao tempo que se antolla como unha iniciativa acaída para a provisión dunhas instalacións acaídas que permitan garantir o crecemento e a mellora da raza autóctona de porco celta.
A nova explotación gandeira promovida a través desta colaboración entre a USC coa Deputación de Lugo e Asoporcel permitirá impulsar o desenvolvemento do porco celta, a través da posta en funcionamento dun centro de reprodución e selección de animais, como futuros provedores. Este proxecto presenta múltiples oportunidades de investigación en canto á docencia, tanto a nivel veterinario como agrónomo, e tamén na conservación e mellora desta raza porcina autóctona. Para levar a cabo esta última liña, crearase un rabaño da raza e engrosarase o banco de xermoplasma e ADN co fin de conservar a xenética dos animais máis destacados.
Ademais obteranse exemplares para a reprodución, seleccionados con estándares raciais adecuados, cos que cambiar a liña xenética de efectivos reprodutores. Dirixirase os cruzamentos xenéticos para contribuír ao aumento dos censos animais coas menores taxas de consanguinidade posibles (un dos parámetros a reducir no camiño cara a total recuperación da raza). Estas actuacións permitirán, ademais de traballar na mellora xenética destes animais, proporcionar exemplares ás explotacións e incluso o desenvolvemento de accións de formación e profesionalización de produtores e gandeiros a través de charlas, cursos de explotación animal ou xornadas técnicas especializadas neste sector.
As instalacións da futura granxa de porcino ocuparán unha superficie aproximada de tres hectáreas nos terreos que dispón a Deputación Provincial de Lugo en Gayoso-Castro. A parcela seleccionada para acubillar este proxecto está xa provista dunhas antigas instalacións en desuso, polo que a posta en marcha desta explotación permitirá recuperar parte das infraestruturas xa existentes.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo salientou que esta nova dotación permitirá á Facultade de Veterinaria do campus de Lugo satisfacer as recomendacións recibidas da comisión da Axencia Europea de Acreditación Veterinaria (EAEVE) para renovar a súa acreditación sen condicionantes. Montserrat Valcárcel Armesto sinalou asemade que a creación desta explotación porcina constata a estreita colaboración que mantén a Deputación Provincial de Lugo coa USC, ao tempo que fixo fincapé nas novas posibilidades de I+D que deparará este centro para os grupos de investigación asentados na sede universitaria luguesa que manteñen activas diversas liñas de traballo e proxectos ligados, entre outros, co sector porcino.
A futura explotación porcina proxectada na finca Gayoso-Catro reforza tamén a fonda implicación da USC e, neste caso, da sede universitaria luguesa, coa tecido produtivo da súa contorna. A Universidade ten ente os seus cometidos achegar coñecemento, investigación e innovación á sociedade, e esta nova iniciativa contribúe a tal finalidade, dixo Valcárcel. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo engadiu asemade que a aposta pola produción sustentable, como é o modelo asociado a unha explotación gandeira en réxime extensivo, a recuperación e posta en valor dunha raza autóctona, como é o caso do porco celta, son valores comúns coa estratexia da USC para o Campus Terra de Lugo.