Ir o contido principal
STG

A USC destina máis de medio millón de euros para sufragar as axudas de manutención do curso 2024-2025

Contémplase a posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou ata dous menús adicionais os venres, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2024-25. FOTO: Santi Alvite
Contémplase a posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou ata dous menús adicionais os venres, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2024-25. FOTO: Santi Alvite
Ata o 17 de outubro é posible concorrer a esta convocatoria coa que a Universidade quere cubrir parcialmente os gastos de alimentación do estudantado mediante a emisión de bonos de comedor

Por quinto curso consecutivo, a USC convoca axudas de manutención para sufragar parcialmente os gastos de alimentación do estudantado mediante a emisión de bonos de comedor intercambiables por un menú diario na franxa horaria do mediodía. En total, a Universidade de Santiago de Compostela destina 520.000 euros a esta medida, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao ano pasado. Ademais, contémplase a posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou ata dous menús adicionais os venres, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2024-25. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 17 de outubro de 2024, seguindo o procedemento que se detalla na páxina web das axudas

Iniciada en 2020 por mor da crise da COVID-19, a USC mantén esta convocatoria tendo en conta a permanencia da crise económica reflectida na actual conxuntura de escalada de prezos e que está afectando ao consumo de produtos básicos. Neste senso, pode acollerse a esta convocatoria o estudantado matriculado no curso 2024-25 en estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao ou mestrado en calquera centro da USC. Tamén é indispensable non estar en posesión ou en condición de posuír un título do mesmo ou superior nivel ao dos estudos nos que se matricula para solicitar a axuda; e formalizar matrícula de, polo menos, 30 créditos, ou no caso de estudos de grao, formalizala dos créditos restantes para rematar os estudos.

Os requisitos económicos refírense á Renda Persoal Dispoñible (RPD) da persoa solicitante, que non poderá superar os 9.000 euros, así como á existencia de situacións laborais e económicas de especial gravidade posteriores ao ano 2023, que deberán xustificarse documentalmente. Neste último suposto, poderase optar ás axudas aínda que no exercicio correspondente para o cálculo da RPD se superasen os 9.000 euros. 

Na convocatoria, non poderá participar o estudantado que estea cursando na USC un programa de mobilidade entrante nacional ou internacional, así como o estudantado da USC que na data de remate do prazo de solicitude se atope cursando un programa de mobilidade noutra universidade. As dúbidas relativas ao procedemento poden canalizarse a través do enderezo electrónico xerencia.axudas [at] usc.gal (xerencia[dot]axudas[at]usc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2024.