A USC entregou os certificados que acreditan as entidades colaboradoras nas prácticas externas de Psicoloxía

A Facultade de Psicoloxía desenvolveu este venres a reunión bianual cos titores e titoras profesionais de Practicum para a avaliación e revisión das prácticas externas obrigatorias das súas titulacións de grao e máster. Á xuntanza asistiron uns 70 profesionais e representantes dos preto de 200 centros que acollen as prácticas do estudantado da Facultade.
Esas entidades recibiron os certificados acreditativos da súa colaboración coa USC nun acto que presidiu o reitor Viaño e no que tamén participaron a decana da Facultade, Socorro R. Holguín, e a vicedecana de Prácticum e Mobilidade, Paula Villar. Contemplados no Regulamento de Prácticas Externas da USC, é a primeira ocasión na que a USC fai entrega destes certificados.
Tanto o reitor como a decana lembraron o elevado nivel de compromiso co desenvolvemento formativo da psicoloxía dos titores e titoras, algúns dos cales levan máis de vinte anos recibindo estudantes en prácticas, e o agradecemento da Universidade por ese compromiso, “esencial para responder ás necesidades de formación práctica neste ámbito profesional”, dixo Socorro Holgín.
En representación dos titores e titoras profesionais interviñeron a psicóloga da sede coruñesa da Asociación Nacional de Enfermos de Cancro Ainhoa Carrasco e o psicólogo da Unidade de Atención a Drogodependentes do Concello de Santiago Fernando González Iglesias, que coincidiron en sinalar a importancia das prácticas externas para facilitar a incorporación á vida laboral, así como a satisfacción que deriva da acollida de estudantes enormemente motivados para o desempeño profesional.