Ir o contido principal
STG

A USC evoluciona cara á presencialidade total da actividade docente

Os centros docentes actualizarán o protocolo de aplicación das medidas xerais de prevención e control sanitario
Os centros docentes actualizarán o protocolo de aplicación das medidas xerais de prevención e control sanitario. FOTO: Santi Alvite
A Universidade continuará mantendo medidas de seguridade sanitaria como o uso obrigatorio de máscara de protección, a ventilación ou a utilización de xel sanitizante para a hixiene de mans
Lugo, Santiago de Compostela

O Comité de Xestión COVID da USC acaba de acordar o uso da capacidade total das aulas na actividade docente de acordo coa finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Manteranse o resto de medidas de prevención como é o uso da máscara e de xel sanitizante ou a ventilación frecuente de espazos pechados. Esta volta á normalidade implica a supresión de medidas ata o de agora vixentes no eido da docencia para garantir a máxima presencialidade sempre que a reorganización das actividades programadas non supoña un prexuízo para a calidade docente.

“Na USC tomamos a decisión, logo de realizar as consultas necesarias ás consellarías de Sanidade e de Cultura, Educación e Universidade, de recuperar a presencialidade total na actividade docente”, explicou o reitor Antonio López nun correo electrónico dirixido ao conxunto da comunidade universitaria. “Tal e como lles foi adiantado aos decanatos e direccións das facultades e centros nos últimos días, a actividade docente debe recuperar progresivamente e por completo a condición de presencial”, engadiu o reitor para logo subliñar o agradecemento ao traballo desenvolvido e, de xeito moi especial, ao alumnado que “co seu cumprimento exemplar dos protocolos, ten contribuído a que se poida tomar esta decisión”. 

Escenarios

O documento aprobado pola institución compostelá contempla a posibilidade de tres escenarios. O primeiro deles, denominado ‘normalidade adaptada’, recolle a convivencia con algunhas medidas de autoprotección da poboación, como as máscaras faciais ou o uso de xeles desinfectantes, entre outras. Tamén se agarda o mantemento dalgunhas restricións que afecten a eventos de certa afluencia e que poderían ter incidencia en determinadas actividades universitarias, como poden ser os actos de graduación do alumnado.

O escenario dous ou de ‘distanciamento’ formúlase con medidas de protección activas que as persoas deben aplicar obrigatoriamente, como o distanciamento de seguridade, o uso de máscaras faciais e medidas organizativas como o control de accesos e capacidades ou barreiras de separación entre as persoas, entre outras medidas. No último dos escenarios, o de ‘peche das instalacións’, prevese un desenvolvemento similar á fase de hibernación que tivo lugar entre o 30 de marzo e o 9 de abril de 2020.

Os centros docentes actualizarán o protocolo de aplicación das medidas xerais de prevención e control sanitario e as relativas á docencia. Ademais, todos os edificios deberán contar, polo menos, cun espazo adecuado para illar casos sospeitosos de padecer a enfermidade que se poidan producir durante o desenvolvemento das súas actividades, que estará claramente identificado e do que se informará debidamente ao persoal propio e alleo, ao alumnado e ás persoas usuarias, de ser o caso, que accedan ás instalacións.

Voluntariado e axudas

A Universidade manterá o Programa de voluntariado USC fronte á COVID, destinado á colaboración do alumnado no cumprimento e observancia das medidas dispostas en relación coa docencia, coa convivencia en residencias e colexios maiores e co comportamento adecuada noutras actividades que desenvolva a Universidade.

Finalmente, co obxecto de garantir e facilitar o acceso ao desenvolvemento da docencia, a Universidade mantivo as liñas de axudas iniciadas no curso 2019-2020 relativas a bonos de comedor, axudas para o desenvolvemento da docencia virtual e préstamo de material de informático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2021.