Ir o contido principal
STG

USC e a Fiscalía Superior de Galicia asinaron un acordo de colaboración educativa

Antonio López e Fernando Suanzes asinando o convenio. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e Fernando Suanzes asinando o convenio. FOTO: Santi Alvite
En virtude do convenio asinado este martes, o alumnado de Criminoloxía poderá complementar a súa formación teórica coa realización de prácticas académicas externas curriculares no Ministerio Fiscal en Galicia
Santiago de Compostela

A USC e a Fiscalía Superior de Galicia subscribiron un convenio de colaboración educativa, asinado formalmente este martes 11 no Colexio de San Xerome entre o reitor da USC, Antonio López, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez. A través deste acordo, o alumnado do grao en Criminoloxía da USC poderá complementar a formación teórica coa realización de prácticas académicas externas curriculares que lles permitan obter a formación que require o desenvolvemento de actividades profesionais.

O acordo entrará en vigor a partir da súa sinatura cunha vixencia de catro anos prorrogables por períodos similares de tempo. A selección de estudantes que realizarán as prácticas realizaraa a USC por medio do oportuno procedemento de selección en función do número de prazas ofertadas pola Fiscalía.

Dende o punto de vista formativo, o grao en Criminoloxía asegura que o seu alumnado ten a capacidade de realizar un estudo multidisciplinario do fenómeno criminal, realizando unha análise global e efectiva do delito, dando unha visión complexa e completa das súas causas e os seus efectos. Neste senso, o desenvolvemento deste acordo de cooperación educativa permite o acceso de futuros/as profesionais á realidade profesional que se atoparán ao remate dos seus estudos universitarios e, máis particularmente, ao traballo cotiá do Ministerio Fiscal, órgano de relevancia constitucional e con personalidade xurídica propia integrado con autonomía funcional no Poder Xudicial. Entre as súas misións atópase promover a acción da Xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos da cidadanía e do interese público tutelado pola Lei, así como velar pola independencia dos Tribunais.

De esquerda a dereita, Fernando Antonio Vazquez-Portomeñe Seijas, director do Instituto de Criminoloxía; Antonio López, reitor da USC; Fernando Suanzes Pérez, fiscal superior de Galicia; e Ana Gude, decana de Dereito. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Fernando Antonio Vazquez-Portomeñe Seijas, director do Instituto de Criminoloxía; Antonio López, reitor da USC; Fernando Suanzes Pérez, fiscal superior de Galicia; e Ana Gude, decana de Dereito. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2022.