Ir o contido principal
STG

A USC homenaxea aos estudantes que superaron as probas de acceso á Universidade para maiores de 25 anos

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou esta tarde, no Centro de Estudos Avanzados, o acto de recoñecemento dos estudantes que superaron as Probas de Acceso á Universidade para Maiores de 25 anos. Nesta convocatoria 2006-2007 houbo 99 aprobados ou “aptos”, dun total de 217 matriculados.

Presidiu o acto o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior da USC, Máximo Pló Casasús, e xunto a el entregaron os diplomas aos asistentes o director do Centro de Estudos Avanzados, Felix Vidal Costa; o representante da USC na Comisión Interuniversitaria de Galicia, Manuel Bermejo Patiño; o coordinador do Programa A Ponte, Luís Mª Hervella Torrón, e o vicexerente da USC, Francisco Colomer Fariña.

Juan Carlos Amado Leira, estudante de Enfermaría que accedeu á USC a través destas probas en convocatorias anteriores, narrou aos homenaxeados a súa experiencia como estudante. Posteriormente, Luís Hervella presentou as posibilidades de estudos, bolsas, residencias, oferta cultural e outras actividades que a Universidade de Santiago oferta aos seus estudantes. Como remate da xornada serviuse un viño na terraza da Casa de Europa, para os homenaxeados e os seus acompañantes.

O acceso á Universidade para maiores de 25 anos.

As probas de acceso á Universidade para maiores de 25 anos están pensadas para aqueles españois e estranxeiros de países membros da Unión Europea que cumpran esta idade antes do 1 de outubro, e que non posúan o título de bacharel ou equivalente.

O exame ao que se teñen que presentar estrutúrase en dúas probas, unha común que consta dun comentario de texto ou desenvolvemento dun tema xeral de actualidade, un exercicio de Lingua estranxeira, outro de lingua castelá e un máis de galego. Esta proba ten como obxectivo comprobar o grao de madurez e idoneidade dos candidatos para seguir con éxito os estudos universitarios, a súa capacidade de razoamento e de comprensión escrita.

A específica valorará as capacidades e aptitudes dos candidatos para seguir e superar os estudos correspondentes á opción elixida de entre as cinco posibles: Científico- Técnica, Ciencias da Saúde, Humanidades, Ciencias Sociais e Artes. Cada proba específica correspondente a cada unha das cinco opcións e incluirá os exercicios de dúas materias obrigatorias e unha optativa. A nota final resultará da media aritmética das probas común e específica.

Unha vez conseguida a cualificación de apto, os estudantes poden presentar a súa solicitude para cursar a licenciatura ou diplomatura do seu interese e, no caso das titulacións con límite de prazas, resérvase unha porcentaxe dun 2 por 100 das totais de cada titulación ás que os estudantes poidan ter acceso, de acordo coa opción cursada na proba.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2007.