A USC homenaxea a Francisco Fernández del Riego co volume Sementar os ares novos

En 2013 cumpríronse 100 anos do nacemento de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 -Vigo, 2010) e oitenta da lectura que fixo do discurso ‘La Universidad gallega ante el momento actual’ como representante do estudantado na inauguración do curso 1933-1934, cando era alumno de Dereito en Compostela. Para conmemorar esta dobre efeméride a Universidade de Santiago editou, a través do seu Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, o volume Sementar os ares novos, unha homenaxe ao intelectual galego que se presentou este venres no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor Juan Casares Long e no que o coordinador da publicación, o profesor, académico e padroeiro da Fundación Penzol, Henrique Monteagudo dixo que o discurso de Fernández del Riego fora “un alegato rotundo a favor da Universidade”. Con prólogo do reitor Casares Long, o volume recolle unha reflexión do profesor Monteagudo, persoa moi próxima ao homenaxeado e un dos seus sucesores na dirección da revista Grial, acerca do papel de Fernández del Riego na galeguización da Universidade durante a II República e un texto do propio homenaxeado no que explicaba a súa función no movemento estudantil compostelán da época. Pero quizais o máis relevante desta obra é a inclusión da reprodución facsímile do mencionado discurso pronunciado, obrigatoriamente en castelán, o 1 de outubro de 1933 no Paraninfo da Universidade. Alí interviña como estudante mais un ano máis tarde iniciábase como docente, unha carreira que viu tronzada pola represión que trouxo o alzamento militar de 1936. Como sinala o reitor no volume, “agardemos que o presente contributo sirva para lembrar non só o homenaxeado senón toda aquela abraiante pléiade de estudantes que ofreceron unha inestimable achega á modernización e democratización da USC”, especialmente a aquel fito que “don Paco perseguiu con tanta entrega como é a galeguización da nosa Universidade”. O reitor rematou o seu parlamento agradecendo o traballo do profesor Monteagudo e a colaboración da Fundación Penzol, representada no acto polas padroeiras María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira. Tamén se referiu con gratitude ao Servizo de Publicacións da USC, representado polo seu director Juan L. Blanco Valdés, e a sensibilidade do vicerreitor responsable do mesmo, Francisco Durán, para poñer en marcha esta obra. Os profesores José Manuel González Herrán, da Facultade de Filoloxía, e Victor Fernández Freixanes, de Xornalismo e codirector con Monteagudo da revista Grial, tamén participaron no acto e destacaron a importancia desta publicación.