A USC inaugura en Guimaraes a exposición ‘Marxes’ do fotógrafo José Manuel Soares

Un total de 40 retratos de universitarios/as de Santiago de Compostela e de Porto conforman os contidos da exposición ‘Marxes’ do fotógrafo José Manuel Soares, unha produción propia da USC con apoio da Fundación CEER que, logo do seu paso por Vila Real, se inaugura este luns 31 en Guimaraes para posteriormente viaxar a Braga.
A mostra, que se expuxo na Universidade de Santiago en marzo de 2014, presenta a alumnado e profesorado de distintas nacionalidades “que se cruzan en universos idénticos”, neste caso na Facultade de Filoloxía de Santiago e noutros lugares da Universidade de Porto.
O proxecto comezou como un exercicio académico onde o retrato, despoxado de artificialismos técnicos, servise para analizar se a imaxe é autoría do fotógrafo ou da persoa retratada. Esa premisa levou a varias persoas a participar en sesións fotográficas nas que os protagonistas non recibiron ningunha indicación para desbloquear calquera inhibición diante da cámara. O resultado son unha serie de retratos nas que o autor pretendía coñecer qué diferenza as persoas das dúas marxes do Miño.
Soares
José Manuel Soares (www.josemanuelsoares.com) divide a súa actividade profesional entre a fotografía e o ensino. Creou Edicións Portáteis, especializada en fotografía, e expón dende o ano 1995. No seus comezos, a súa actividade profesional estivo asociada ao exercicio do fotoxornalismo en xornais como Primeiro de Janeiro, O Jogo, Tal & Qual, Diário de Noticias e en Revista Pois!, Réponses Photo e Photo, entre outros. Ademais, ten desenvolvido traballos publicitarios e participou na publicación de diversos libros de texto.