Ir o contido principal
STG

A USC iniciou en Toulouse as accións de proxección e captación internacional deste curso

Na sinatura do acordo, a vicerreitora López Couso co reitor da Universidade Concordia en Edmonton (Canadá), Tim Loreman.
Na sinatura do acordo, a vicerreitora López Couso co reitor da Universidade Concordia en Edmonton (Canadá), Tim Loreman.
A estratexia deseñada pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización combina eventos virtuais e presenciais orientados fundamentalmente ao mercado iberoamericano

A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización da USC iniciou este curso a súa participación en feiras de internacionalización na trixésimo cuarta edición do evento organizado pola Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE) que tivo lugar en Toulouse hai uns días e que congregou máis de 7.300 representantes de universidades de todo o mundo así como outros axentes da internacionalización da educación superior.

A delegación da USC estivo formada pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a adxunta á Vicerreitoría para Internacionalización, Belén Méndez Naya. Ambas as dúas mantiveron numerosas reunións con representantes doutras institucións e entidades dirixidas a proxectar a Universidade de Santiago no exterior.

Así, mantivéronse reunións con delegacións de universidades socias para estreitar lazos e ampliar as canles de colaboración así como con universidades coas que a USC aínda non ten convenios. Cómpre destacar, neste sentido, a sinatura de acordos bilaterais coa Universidade Concordia en Edmonton (Canadá), nun encontro co seu reitor, Tim Loreman.

Tamén no contexto da feira houbo reunións de traballo con outros membros da Alianza EUniWell, en concreto, coas universidades de Constanza, Florencia, Taras Shevchenko de Kiev, Murcia e INALCO. Este ano, por primeira vez, a EAIE dedicou un espazo de exhibición específico para as alianzas de Universidades Europeas, o que demostra o interese que esta iniciativa da Comisión Europea está a suscitar entre as institucións de educación superior.

Estratexia cara a Iberoamérica
Tal e como explicou a vicerreitora López Couso, “a nosa estratexia de proxección e captación internacional recollida no Plan de Internacionalización 2024-2026 combina eventos virtuais e presenciais orientados fundamentalmente ao mercado iberoamericano”. Deste xeito, en novembro a USC asistirá á feira EuroPosgrados en Cidade de México e León para presentar a súa oferta académica.

A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización leva traballando nos tres últimos anos no deseño e implementación de novos formatos para eventos de captación, como os webinarios dirixidos a potenciais estudantes de doutoramento ou a presentación da oferta académica de mestrados para os países de Iberoamérica.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2024.