Ir o contido principal
STG

A USC mantense entre as 500 mellores universidades do mundo

No mes de xuño, a clasificación por materias deste mesmo ránking xa situaba a USC entre as universidades máis destacadas do mundo nun total de quince ámbitos específicos. FOTO: Santi Alvite
No mes de xuño, a clasificación por materias deste mesmo ránking xa situaba a USC entre as universidades máis destacadas do mundo nun total de quince ámbitos específicos. FOTO: Santi Alvite
O Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como ránking de Shanghai, sitúa a institución no intervalo 401-500
Lugo, Santiago de Compostela

A USC sitúase un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a clasificación elaborada polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), tamén coñecido popularmente como ránking de Shanghai. A institución compostelá atópase no intervalo 401-500 das mellores universidades a nivel mundial e no 9-12 de entre as 39 institucións pertencentes ao Estado español que salienta a listaxe.

As universidades recollidas clasifícanse segundo varios indicadores de rendemento académico ou de investigación, tales como o número de antigo alumnado ou profesorado recoñecido cos premios Nobel ou as medallas Fields, así como o persoal investigador altamente citado. Tamén se toman en consideración as publicacións incluídas en revistas como Nature ou Science, así como os artigos altamente citados en Science Citation Index-Expanded e Social Science CItation Index, entre outros aspectos. En total, para a elaboración da clasificación final trátanse os datos de máis de 2.000 universidades, entre as que se seleccionan as mil mellores.

Clasificación por materias

No mes de xuño, a clasificación por materias deste mesmo ránking xa situaba a USC entre as universidades máis destacadas do mundo nun total de quince ámbitos específicos das Ciencias Naturais, a Enxeñaría, as Ciencias da Vida, as Ciencias Médicas e as Ciencias Sociais. A Universidade era unha das máis de 1.800 universidades de 90 países recollidas nesta versión por ámbitos temáticos específicos que inclúe un total de 54 materias. Ademais dunha enquisa de excelencia académica, esta clasificación tomou en consideración os datos bibliométricos de Web of Science e InCites para medir a grao de produtividade investigadora de cada institución analizada a súa calidade ou o alcance das colaboracións internacionais, entre outros aspectos.

A Universidade escalou posicións en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas situándose no intervalo, así como en Hostalaría e Xestión Turística, materia que ocupa a posición 201-300. Asemade, a USC mantén a súa posición en Ciencias Veterinarias (76-100) e en Odontoloxía (151-200). Tamén no intervalo 151-200 sitúase a Tecnoloxía Alimentaria. No intervalo 301-400, atópanse Matemáticas, Física,  Química, Ciencias Agrícolas, Biotecnoloxía, Ciencias da Enerxía, Ciencias Medioambientais e Economía. Asemade, Ecoloxía ocupa o intervalo 401-500. A listaxe de materias nas que destaca a USC completouna Enxeñaría Química no intervalo 401-500.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.08.2021.