Ir o contido principal
STG

A USC será no mes de xuño a capital da análise numérica

O encontro será en Matemáticas. Foto: Santi Alvite
O encontro será en Matemáticas. Foto: Santi Alvite
Compostela Numérica reunirá na Facultade de Matemáticas persoal investigador de recoñecido prestixio do ámbito internacional
Santiago de Compostela

Discutir e difundir novas ideas matemáticas e técnicas computacionais no campo da análise numérica nun ambiente relaxado é o cometido da cita ‘Compostela Numérica’, o encontro de análise numérica Francisco Javier Sayas que se desenvolverá entre o 15 e o 18 de xuño na Facultade de matemáticas. A inscrición remata o 10 de maio.

Dirixido tanto a especialistas consolidados como emerxentes, o encontro pretende crear un ambiente de colaboración, tanto profesional como persoal, para persoal investigador, con especial atención aos que se atopan nas primeiras etapas das súas carreiras, incluídos estudantes de mestrado, para facilitar a súa integración nas súas futuros contornas laborais.

O evento organízase en cursos, obradoiros e charlas nos que participa persoal investigador de recoñecido prestixio tanto estatal como internacional, en todas as áreas da Matemática Aplicada. O curso ‘Redes neuronais artificiais: Principios básicos, formación e aplicacións en ecuacións diferenciais’ impartirao Jerónimo Rodríguez, da USC, mentres que o de métodos de orde reducida estará a cargo de Gianluigi Rozza, da Scuola Internazionale Superiore di Studi Avanzati.

Ademais, terán lugar seis conferencias convidadas con Alejandro Bandera (ULA), Saray Busto (USC), Damián Castaño (UCLM), María González (UDC), María Teresa Sánchez (UVigo) e David Zorío (UV); un obradoiro sobre Intelixencia Artificial; unha mesa redonda sobre Matemática Industrial, moderada polo profesor Alfredo Bermúdez de Castro (USC) coa participación de representantes de diversas empresas que traballan no campo; e unha sesión de pósteres para novos investigadores, para os que se deseñou un programa especial de bolsas grazas aos patrocinadores.

Compostela Numérica

O encontro ten o seu precedente na escola Zaragoza Numérica, organizada por Francisco Javier (Pancho) Sayas con carácter bienal 2003 e 2007. Tras a partida de Francisco-Javier a Estados Unidos por motivos laborais, estas escolas siguiron desenvolvéndose coa súa colaboración na distancia: Sevilla Numérica (2009 e 2011), Cádiz Numérica (2013), Ciudad Real Numérica (2015) e Valencia Numérica (2017).

Tras o seu prematuro falecemento en 2019, retomouse este evento en 2022 en Zaragoza, e logo do de Tudela en 2024, este ano será a USC quen o acolla.
 

Compostela Numérica
Compostela Numérica
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2026.