Ir o contido principal
STG

A USC, coas mulleres e as nenas na ciencia

A USC, coas mulleres e as nenas na ciencia
A USC, coas mulleres e as nenas na ciencia

Como cada ano dende 2015, o 11 de febreiro se conmemora o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha data que a USC celebra con diversos actos que buscan visibilizar o traballo das científicas e sacar do esquecemento as pioneiras da nosa universidade.

A primeira destas accións programadas recupera as científicas pioneiras que se formaron nas aulas e laboratorios das facultades de ciencias experimentais da USC e recoñece o seu empeño por seguir a súa vocación científica, que facilitou que as aulas universitarias se abrisen ás mulleres. Así, no marco dun acordo co Concello compostelán, durante este mes e o seguinte os institutos de educación secundaria da cidade acollerán a exposición ‘Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC’ elaborada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral.

Nestes momentos e ata o día 15 a mostra exponse no IES Pontepedriña, de onde partirá aos institutos Arcebispo Xelmírez II, Antonio Fraguas Fraguas, Arcebispo Xelmírez I, Eduardo Pondal e IES As Fontiñas.

Conferencia de Xoana Pintos
Tamén conmemorando o día marcado polas Nacións Unidas, o ciclo ‘Reactiva a túa Química’ que organiza regularmente a Facultade de Química dedica a esta temática a súa sesión do vindeiro mércores 14.

Será a doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas pola USC Xoana Pintos, autora do traballo 'As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960', a encargada de pronunciar a conferencia, que leva por título ‘Non só Marie Curie’. Ás 13.00 horas na Aula Magna do centro.

Editaton(a) Ademais, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Biblioteca Universitaria da USC teñen previsto para o 20 de febreiro a editatona ‘Investigadoras na USC: as pioneiras’. Esta actividade, coa que colaboran Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal), consiste nunha reunión virtual para editar e mellorar colectivamente os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el, neste caso as mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas.

A editatona terá lugar o 20 de febreiro de 2018 de 9 a 14 horas na Biblioteca Concepción Arenal e para participar fan falla unha serie de requisitos e rexistro previo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2018.