A USC e Nacións Unidas buscan voluntarios para o vindeiro curso
A USC presentou este mércores en Lugo o novo programa de voluntariado universitario conxuntamente con Nacións Unidas para o curso 2007-2008. As posibilidades desta iniciativa inclúen diferentes accións de traballo en centros de xuventude, de integración social, pro dereitos humanos ou da natureza en países como BurKina Faso, Cabo Verde, Vietnam, Brasil, Ecuador, Guatemala ou Honduras.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez, e a voluntaria Marta López Sobrado foron os encargados de informar sobre os requisitos dos aspirantes, que deberán ser estudantes da USC e ter capacidade para adaptarse nun país estranxeiro, ademais de posuir un bo nivel de inglés e do idioma requirido para cada posto.
Carlos Herrero insistiu na importancia social deste tipo de iniciativas e na implicación da USC, que realiza un gran labor de formación a través dos cursos que organiza Servizo de Participación e Integración Universitaria. Pola súa banda, Celia Besteiro explicou que é a segunda vez que a USC participa neste programa, que ten unha duración de 6 meses. Os candidatos, aos que se lles valorará a experiencia en proxectos similares, deben presentar toda a documentación en soporte electrónico no Servizo de Participación e Integración Universitaria antes do 13 de maio.
Marta López explicou a súa experiencia persoal como voluntaria no programa do ano pasado en Guatemala, país no que desenvolveu proxectos de seguridade e hixiene alimentaria e de onde regresou hai escasos días. Ademais animou aos universitarios lucenses a participar nesta iniciativa.
A selecciónA USC preseleccionará a cinco candidatos para cinco postos diferentes. A finais de xuño comunicaráselle a selección definitiva de Nacións Unidas entre todos os presentados polas universidades españolas. Aqueles que resulten seleccionados realizarán cursos complementarios de formación en Madrid e Bonn no mes de setembro, antes da súa partida o primeiro de outubro.
As áreas de desenvolvemento ás que o programa de Nacións Unidas dá prioridade son aquelas que se derivan directamente da saúde, educación, medioambiente e TIC. Os voluntarios traballarán basicamente para mellorar a capacidade das persoas ou das institucións en países en desenvolvemento, impulsando as súas habilidades e proporcionando servizos directos para apoiar a institucións e comunidades.