Ir o contido principal
STG

A USC co organiza un coloquio sobre Álvaro Cunqueiro na Universidade de Toulouse

Coa colaboración do Instituto Cervantes e da Xunta de Galicia, a Universidade de Toulouse celebra este mes unha homenaxe ao escritor e dramaturgo galego Álvaro Cunqueiro. O programa de actividades inclúe esta semana o coloquio internacional ‘Novas escenas, novos dispositivos, a emerxencia do teatro galego’ no que participan recoñecidos especialistas de Galicia, Francia, Suiza e Alemaña. Este coloquio diríxeno os profesores Anxo Abuín, da USC, e Emmanuelle Garnier, de Toulouse. A homenaxe da Universidade francesa ao escritor mindoniense desenvólvese a través de actividades teatrais e académicas. Así, a compañía ‘Les Anachroniques’ dirixida por Matthieu Pouget representa estes días na cidade francesa unha adaptación de Las crónicas del Sochantre, realizada en español, con subtítulos en francés e lingua de signos. Esta compañía xirará en Galicia, o resto de España e Francia este espectáculo a partir de setembro. Ademais, ‘Les Anachroniques’ propúxolles aos alumnos de ensinanza secundaria do departamento de Haute-Garonne un caderno de actividades sobre a función, que previamente viron. Por outra banda, o taller de teatro universitario en castelán ‘Barracrónicas’, coordinado por Hegoa Garay, presentou durante o festival Universcènes, en La Fabrique Culturelle del Mirail as obras dramáticas curtas de Álvaro Cunqueiro. No plano académico, doce estudantes de primeiro año de máster traduciron de maneira colectiva, baixo a dirección de Euriell Gobbé-Mévellec, as obras dramáticas curtas de Álvaro Cunqueiro (La noche va como un río, Palabras en la víspera, Función de Romeo y Julieta, famosos enamorados, Juan el buen conspirador, Rogelia en Finisterre e La dama que engañada por un diablo elegante quiso comprarle al viento la perdiz que hablaba). O traballo publicouse en versión bilingüe na colección “Nouvelles Scènes Hispaniques” das Presses Universitaires du Mirail co título La Noche va como un río y otras piezas cortas / Au fil de la nuit et autres pièces courtes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2011.