A USC organiza un congreso para formar ao profesorado en materia enerxética
Co obxectivo de formar ao profesorado na cuestión enerxética en Galicia, o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC organiza o Congreso Internacional de Educación Enerxética que, nesta segunda edición, terá lugar do 27 ao 29 de xuño no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez. O prazo de inscrición manterase aberto ata o 31 de maio.
Sete conferencias, varias sesións prácticas en grupo e comunicacións simultáneas desenvolveranse durante as tres xornadas do congreso no que tamén se mostrará, de xeito paralelo, unha exposición didáctica sobre enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Ademais, durante a sesión do xoves, día 28, o congreso acollerá saídas explicadas por expertos ás centrais térmicas, eólicas, museos, a Casa da Enerxía e a outros lugares de interese.
O encontro, que busca xerar un debate fecundo entre especialistas e técnicos, tamén pretende continuar de cara ao futuro con novos proxectos e actividades que profunden sobre as características do sector enerxético galego. De feito, na actualidade, o Grupo de Educación Enerxética do ICE desenvolve un curso on-line sobre a mesma cuestión e a creación dunha páxina web como punto de encontro para todos aqueles interesados.
Na organización deste congreso, presentado polo alcalde das Pontes a semana pasada, tamén colaboran a Universidade Pedagóxica ‘Enrique José Varona’, o Instituto Enerxético de Galicia, o Concello das Pontes de García Rodríguez xunto coa Axencia Provincial de Enerxía da Coruña.