A USC organiza oito cursos de verán para o mes de xullo na provincia de Lugo

A Universidade de Santiago organiza para o mes de xullo oito cursos de verán na provincia de Lugo que inclúen citas en Foz, Sarria e Seoane do Courel, ademais de no propio Campus lugués. Entre as temáticas a tratar atópanse diferentes propostas como a Guerra Civil, a hidratación e nutrición, a xestión das áreas incendiadas en Galicia, as enerxías renovables, a formación do profesorado ou o papel dos espazos protexidos. Ademais dos cursos organizados en Lugo, hai outros 17 previstos no Campus de Compostela, 3 en Vilagarcía de Arousa, un en Caldas de Reis, un en Catoira e outro en Lalín.
A programación dos cursos de verán da USC presentouse este mércores 16, na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo nun acto ao que acudiron o vicerreitor de Cultura, Elías Torres Feijó, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, ademais de varios directores dos cursos. Carlos Herrero aproveitou a ocasión para agradecer aos concellos a súa colaboración e insistir na internacionalización e aumento da oferta neste ano. Pola súa banda, Elias Torres aclarou que o programa de cursos ten un orzamento de medio millón de euros e que a intención da USC é consolidar antes de dous anos varios campus de verán nos concellos que acollan 3 ou más cursos e conformar deste xeito unha universidade de verán. Segundo informou o vicerreitor de Cultura o número de matriculados o ano pasado foi de 1.600 e para esta edición espérase sobrepasar os 2.000.
Os asistentes a estes cursos recibirán un diploma acreditativo e ademais, se son estudantes da USC, dous créditos de libre configuración. As taxas de matrícula son de 120 euros ou 70 euros neste último caso para estudantes de calquera universidade, persoas desempregadas ou persoal docente e investigador ou de servizos da USC. A partir do 21 de maio poderase formalizar a matrícula a través de Internet, tendo que esperar ata o 13 de xuño para facelo de xeito presencial. Acaba o prazo o 29 de xuño para aqueles cursos que comezan a semana do 9 de xullo, mentres que e o día 6 de xullo é o último para inscribirse para os que comezan a semana do 16. Os interesados deben acudir á Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
Ofrécense ademais un total de 60 bolsas de gratuidade e outras tantas de aloxamento, que terán que solicitarse antes do 30 de maio presentando nas secretarías dos cursos o formulario de solicitude acompañado polo currículo.
Deste xeito, os cursos en Lugo comezarán o luns 9 de xullo na Facultade de Humanidades, onde ata o venres 13 se analizará a historia das vítimas da Guerra Civil en Galicia. Docentes da USC como Alonso Montero ou Carmen Blanco e intelectuais como Díaz Pardo ofrecerán relatorios e mesas redondas sobre a situación dos escritores galegos na época, a memoria galeguista, a represión no ensino ou o exilio, entre outros. Contarase ademais co testemuño de varias persoas de familias represaliadas.
O curso ‘Xustiza, proceso e democracia’, celebrarase do 10 ao 12 de xullo no Colexio de Avogados de Lugo, e dirixido por Lotario Vilaboy Lois, pretende establecerse como un foro de debate sobre a xustiza do século XXI. Expertos, catedráticos e maxistrados estudarán aspectos como a solución de conflitos por vías alternativas á xudicial, a cooperación xurídica internacional, a necesidade dun Código Procesal Penal da democracia, a redefinición do modelo de Ministerio Fiscal en España ou a protección xurídica dos colectivos sociais máis desfavorecidos, entre outros.
O sábado, día 11, inaugurarase o curso de Sarria sobre o desenvolvemento económico da zona Centro-Sur da provincia de Lugo que analizará a situación dos sectores forestal, agropecuario e de servizos. Dirixido por José Federico García Fernández, conta cun total de 30 horas lectivas, cun límite de 60 alumnos e se desenvolverá ata o día 14 no Salón de Actos do Concello da vila. O curso contará coa participación de profesores das universidades de Vigo e Santiago e inclúe relatorios, visitas a empresas e mesas redondas.
Pola súa banda, o luns 16 de xullo comezan varios cursos no Campus de Lugo. Así, na Facultade de Veterinaria será analizada a relación entre a hidratación, a nutrición e a saúde. Declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, o curso conta con relatorios de especialistas de hospitais, balnearios e universidades sobre o valor nutritivo da auga e outras bebidas hidratantes ou os requirimentos hídricos nas diferentes idades e situacións. No programa inclúense visitas ás Termas Romanas da cidade de Lugo, ao Balneario de Guitiriz e á fábrica de augas de Cabreiroá.
Ese mesmo día tamén comeza na Escola Politécnica Superior curso sobre Xestión de Áreas Incendiadas en Galicia. Ata o día 19 de xullo, profesores da USC, da Universidade de León, da Universidade de Alcalá de Henares, expertos do Ministerio de Medio Ambiente e da Xunta de Galicia, entre outros, analizarán a relación entre o cambio climático e os incendios forestais, o seu efecto sobre o solo, ou os sistemas silvopastorais como técnica de prevención.
A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo acolle do 16 ao 20 de xullo un curso sobre enerxías renovables que, organizado polos profesores Francisco Fraga e Jorge Proupín Castiñeiras, analizará as posibilidades de futuro de varios tipos de enerxías. Deste xeito cada un dos días do curso estará dedicado a enerxías diferentes. O luns 16 debaterase sobre as posibilidades dos biocombustibles e minihidráulicas, o martes 17 será a quenda da enerxía solar, o mércores 18 falarase sobre a biomasa e o xoves 19 sobre a enerxía eólica. O último día do curso resérvase para debater nunha mesa redonda as posibilidades de futuro de cada unhas das modalidades enerxéticas estudadas.
O Courel analizará no seu curso o papel dos espazos protexidos entre o 16 e o 19 de xullo no edificio multiusos do Concello. Expertos da USC, da Universidade de León ou da Generalitat Valenciana, entre outros, analizarán aspectos como a conservación da fauna, da flora e da paisaxe nos espazos protexidos. O curso inclúe ademais varias actividades de campo como visitas ao Val do Río Pequeno ou ás devesas de Faro e Fonteformosa e os testemuños da xestión do parque natural do Ponga en Asturias e do Eume.
Para rematar o programa dos cursos de verán da USC, a Casa da Cultura do Concello de Foz acollerá do 17 ao 21 de xullo as VI Xornadas de Historia da Educación. O curso pretende analizar a situación actual do profesorado en canto á súa formación e achegar alternativas para a súa mellora. Entre os temas a tratar, atópase o Espazo Europeo de Educación Superior e as dificultades coas que se atopan os profesores, a reforma dos planos de formación dos mestres ou o posgrao de formación para profesores de educación secundaria, entre outros.