A USC organiza unhas xornadas para avanzar na inclusión das persoas con diversidade funcional no eido universitario

Co fin de desenvolver a inclusión das persoas con diversidade funcional dentro dos centros universitarios, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC organiza entre os vindeiros días 13 e 15 de abril na Aula Magna da Facultade de Matemáticas as xornadas ‘Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’.
No transcurso deste encontro o Servizo de Participación e Integración Universitaria presentará a proposta da USC en materia de protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais. A de Santiago é a primeira universidade galega que edita estes protocolos que se complementarán co desenvolvemento de talleres prácticos para a aplicación dos citados protocolos baixo a coordinación de técnicos de COGAMI, ONCE e FAXPG. Ademais, e como xa sucedera na pasada edición do curso de formación en Voluntariado, a secretaria técnica do encontro contratou traballadores do colectivo Down Compostela, nunha aposta polo fomento da participación das persoas con necesidades específicas na vida diaria da USC.
No seu conxunto, as sesións académicas previstas teñen como obxectivo desenvolver entre os asistentes as habilidades básicas para a actuación neste eido e desterrar estereotipos sobre as capacidades das persoas con necesidades especiais, continuando así con algunhas das cuestións tratadas con anterioridade no pasado ‘IV Curso de Formación Básica en Voluntariado’.
Así, neste encontro abordaranse temas como os retos do Espazo Europeo de Educación Superior cara a formación de profesionais con diversidade funcional, os protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais, as adaptacións curriculares ou o tratamento do alumno con diversidade funcional na Educación Secundaria, entre outros.
Ademais do desenvolvemento de varios talleres prácticos, o curso tamén acollerá a proxección da película ‘Inside I’m dancing’ e a presentación do centro de Documentación de Vida Independente por parte dun representante da Asociación AMBAR e membro do Foro de Vida Independente, Antonio Novoa.
Con máis de mil asistentes durante a anterior edición, estas conferencias e talleres organízanse en colaboración coa Xunta de Galicia, Bancaja, Once, Cogami e a Federación de Asociacións de Enfermos Mentais de Galicia.