A USC participa nun proxecto agroalimentario europeo xunto con outras seis universidades e Feiraco
Da produción agrícola e a fabricación á venta ao por menor e o consumo, pasando pola distribución. O agroalimentario é un dos sectores manufactureiros máis grandes de Europa –cunha facturación anual que ronda os mil millóns de euros– que hoxe cobra aínda maior importancia pola crecente preocupación social acerca dos produtos alimenticios e a súa incidencia directa na saúde. Ese aumento da concienciación dos consumidores é parello ás tamén cada vez maiores presións derivadas da globalización do comercio de alimentos e os sistemas de produción intensiva. De aí que cada vez sexan máis necesarios os modelos de predición e avaliación de riscos aplicados á calidade e seguridade alimentaria en todo o mundo, ferramentas fundamentais nas políticas de xestión de riscos e nos controles para protexer a saúde humana. Ademais, eses modelos demostraron que a produción de alimentos ten un impacto medioambiental significativo tanto en termos de emisións de carbono como en desperdicio de alimentos, algo que se pode evitar a través da Avaliación do Ciclo de Vida ( LCA). Para profundar nestes modelos xurdiu o proxecto Erasmus+ Q-Safe (Quantitative tools for sustainable food and energy in the food chain) no que participa a USC xunto coas Universidades de Malta, Birmingham (Reino Unido), Aristóteles de Tesalónica (Grecia), Católica de Lovaina (Bélxica), o University College de Dublín ( Irlanda), o Colexio Nacional Atlántico de Medicina Veterinaria, Ciencias dos Alimentos e Enxeñaría de Nantes (Francia ) e a Sociedade Cooperativa Galega Feiraco. Esta alianza europea, que na USC coordina a profesora Almudena Hospido, rematará os seus traballos en 2017. As actividades docentes do proxecto iniciaranse este mes de marzo cun primeiro seminario intensivo en Malta e para o que a organización destina 4 bolsas de axuda para outros tantos estudantes da USC. Unha segunda edición deste curso terá lugar o próximo ano na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.