Ir o contido principal
STG

A USC participa na Semana do Libro de Compostela que se estenderá do 10 ao 19 de xuño

Cartel do evento
Cartel do evento
O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico súmase á SELIC 2022 que este ano decorre baixo o lema ‘Festival da lectura’, con preto dunha trintena de novidades editoriais de diversas coleccións e temáticas
Santiago de Compostela

Canda unha vintena de editoras, librarías e institucións da cidade, a USC participa un ano máis na sexta edición da Semana do Libro de Compostela, SELIC 2022, organizada polo Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, e que se estenderá do 10 ao 19 de xuño na Praza do Toural.

A Universidade, a través da súa editora, achega preto de trinta novidades editoriais de diversas coleccións  e temáticas, como mostra da importante contribución da Universidade ao sector local do libro. Neste sentido, o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan L. Blanco Valdés, salienta o “agradecemento á organización da SELIC que sempre tivo claro que a representación da produción editorial da Universidade é imprescindible no evento e pon todas as facilidades e apoio técnico e loxístico para a nosa participación”.

Este ano,  a SELIC  que decorre baixo o lema ‘Festival da lectura’ e presenta un diverso programa de actividades,  incide sobre o que significa a lectura “en tempos dunha contorna dixital tan convulsa e cambiante, mudando os marcos da relación cos lectores e procurando un espazo fluído, lúdico e menos formal para o encontro, un tipo de relación da cultura co público máis participativo e aberto”, explican dende a organización do evento.

A SELIC celebrouse por vez primeira en 2017, na praza da Quintana, co obxectivo de reunir nun deseño expositivo alternativo e diferente ao das tradicionais feiras do libro, ás editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, que veñen a representar unha significativa mostra do sector do libro de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2023.