A USC participa na Semana do Libro de Compostela que se estenderá do 9 ao 18 de xuño

Canda unha trintena de editoras, librarías, bibliotecas e institucións da cidade, Edicións USC participa unha vez máis na sétima edición da Semana do Libro de Compostela (SELIC 2023), organizada polo Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, que vai ter lugar ata o 18 de xuño e que inicia este venres a súa actividade. A SELIC celebrouse por vez primeira en 2017, na praza da Quintana, co obxectivo de reunir, nun deseño expositivo alternativo e diferente ao das tradicionais feiras do libro, as editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, que representan unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago.
Como en convocatorias anteriores, a SELIC decorre baixo o lema ‘O Festival da Lectura’ e presenta un variado programa de actividades que inclúe presentacións, conversas, contacontos, lecturas, concursos, obradoiros, dramatizacións, sinatura de libros, rutas ou paseos culturais pola cidade. O seu obxectivo é, alén dos actos convencionalmente asociados ás feiras do libro, poñer o foco na lectura como celebración e festival, mudando os marcos da relación coas persoas lectoras e definindo espazos fluídos, lúdicos e menos formais para o encontro, un tipo de relación da cultura e os libros co público participativo, suxestivo e aberto.
A Universidade, a través da súa editora, Edicións USC, achega unha selección de vinte e unha novidades editoriais de diversas coleccións e temáticas, como mostra da importante contribución da Universidade ao sector local do libro. Neste sentido, o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, salienta a magnífica acollida que a SELIC prodiga todos os anos á editora universitaria, poñendo todas as facilidades, apoio técnico e loxístico, como “manifestación evidente de que a produción editorial da Universidade resulta imprescindible no evento”.