A USC pecha o 26 de abril a inscrición no curso ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’
A Universidade de Santiago de Compostela pechará este venres, día 26 de abril, o prazo de inscrición no IX Curso de Primavera da USC, un programa formativo e de divulgación que nesta ocasión leva por título ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’ e que se desenvolverá entre o 8 de maio e o 17 xuño.
As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no IX Curso de Primavera da USC, un programa coordinado por unha comisión académica integrada polos profesores Xaquín Rodríguez Campos, Elena Freire Paz e Beatriz Fernández Herrero, poderán matricularse ata o 26 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Para obter máis información tamén poden chamar ao número de teléfono 98.82.15.13. O custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. O estudantado universitario matriculado no IX Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración. Asemade, a USC ten solicitada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a homologación deste curso para o profesorado de ensino primario e secundario. O director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, abrirá o vindeiro 8 de maio, na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, a quenda de relatorios este foro de análise e debate, que se prolongará ata o 10 de maio no centro universitario lugués, onde protagonizarán cadansúa intervención un total de 16 profesores da USC.
Unha conferencia baixo o título ‘En defensa do decrecemento’, a cargo do profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid Carlos Taibo Arias e prevista para o 20 de maio, xunto coa intervención do ex director da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, que visitará o campus lugués o 17 de xuño para falar sobre educación, cultura da paz e dereitos humanos no século XXI, completan a programación dos IX Cursos de Primavera da Universidade de Santiago de Compostela.