Ir o contido principal
STG

A USC presenta en Lugo o seu VIII Curso de Primavera, centrado no aspecto lingüístico do legado cultural do último milenio

As actividades desenvolveranse entre o 1 e o 5 de maio na Facultade de Humanidades do campus lucense e no Museo Provincial de Lugo

O Curso de Primavera que desde hai oito anos organiza a USC no Campus de Lugo propón este ano unha viaxe a través das pegadas que os seres humanos foron deixando en forma de palabra escrita nos últimos mil anos. Baixo o título ‘OH LUX! Vida e Letras Milenarias (Lugo 1012-2012)’, o encontro afondará, entre o 1 e o 5 de maio, na dimensión máis humana das disciplinas lingüística e histórica, aínda que nesta ocasión será principalmente o aspecto literario o centro temático arredor do que xire a proposta de contidos. A sede do curso, que forma parte da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012, será a Facultade de Humanidades de Lugo, agás para as visitas que se inclñuen no programa de actividades e para a sesión de clausura do sábado 5, que terá lugar no Museo Provincial de Lugo. No acto de presentación, que se celebra o martes 10 ás 11.45 horas no Salón de Actos Deputación de Lugo, participan o vicerreitor de Coodinación e Planificación da USC no Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; a xefa do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Ana Mª Carril Cuesta; e a profesora da Facultade de Humanidades e directora do curso, María Concepción Fernández López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2012.