Ir o contido principal
STG

A USC presenta en Lugo a VIII edición do Curso de Primavera, sobre o aspecto lingüístico do legado cultural no último milenio

De esquerda a dereita, José Carlos Rodríguez Andina, Antón Bao, Mario Outeiro, Pedro García Herradón e Concepción Fernández, durante o acto de presentación do VIII Curso de Primavera da USC en Lugo...
De esquerda a dereita, José Carlos Rodríguez Andina, Antón Bao, Mario Outeiro, Pedro García Herradón e Concepción Fernández, durante o acto de presentación do VIII Curso de Primavera da USC en Lugo...
O programa desenvolverase do 1 ao 5 de maio na Facultade de Humanidades e no Museo Provincial e inclúe excursións, visitas guiadas e un ciclo de conferencias

O Curso de Primavera que desde hai oito anos organiza a USC no Campus de Lugo propón nesta edición unha viaxe a través das pegadas que os seres humanos foron deixando en forma de palabra escrita nos últimos mil anos, baixo o título 'OH LVX! Vida e Letras Milenarias (Lugo 1012-2012)'. A organización incorporou ao título do curso unha destacada efeméride: a lauda sepulcral de San Xoán de Tirimol, unha das pezas de maior relevancia das que se conservan no Museo Provincial de Lugo, cumpre o seu primeiro milenio de existencia desde que fora gravada no ano 1012. Sobre esta lauda tratará un dos relatorios das xornadas, nas que participan profesores da USC e doutros centros universitarios e de investigación, que afondarán nos avances acadados en ámbitos como o estudo da linguaxe oral e literaria, a toponimia e o poboamento da área lucense, a arqueoloxía e a paleografía, a edición de textos, a análise das fontes nas investigacións históricas ou a conservación do patrimonio artístico. No acto de presentación participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación da USC no Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; e o xefe de servizo de Coordinación da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina. A profesora da Facultade de Humanidades e directora do curso, María Concepción Fernández López, quen tamén interveu no acto, destacou a importancia do labor investigador neste ámbito: “Ás veces desde fóra pode dar a sensación de que nas Humanidades non se progresa en canto a coñecemento, técnicas de análise ou liñas de investigación, cando é todo o contrario: aquí tamén hai novidades, melloras e avances, tal e como se demostra en encontros coma este”. Cinco días de programa O curso comeza o día 1 de maio cunha excursión a Bretoña, Lourenzá e Mondoñedo. O resto de actividades desenvolveranse entre os días 2 e 4 de maio na Facultade de Humanidades (en sesións de mañá e tarde), mentres que última sesión, o sábado 5, terá lugar no Museo Provincial de Lugo, onde tamén se levará a cabo a clausura do encontro. O Curso de Primavera toma o seu nome dunha actividade desenvolvida nas décadas de 1960 e 1970 polo instituto masculino Lucus Augusti. Na actualidade, o encontro está organizado conxuntamente pola Área de Cultura do Campus de Lugo e a Facultade de Humanidades, e artéllase como un foro de debate e presentación das novidades en investigación sobre o tema elixido cada ano. En edicións anteriores as cuestións que centraron o Curso de Primavera foron, entre outras, o IV centenario da publicación do Quijote, a realidade e as perspectivas das Humanidades, a dinámica das relacións Oriente-Occidente, os dereitos humanos ou os camiños de peregrinaxe. O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de abril, e os interesados poden dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo (teléfono 982 821 513) para recibir información ou formalizar a matrícula. A inscrición no curso ten un custo de tres ou seis euros, segundo se trate da taxa reducida ou xeral, respectivamente. Esta actividade forma parte da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012, un proxecto no que participan, ademais da USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2012.