Ir o contido principal
STG

A USC, con presenza na Asemblea Xeral da Unión Matemática Internacional

A profesora Victoria Otero, designada delegada pola IMU. Foto: Santi Alvite
A profesora Victoria Otero, designada delegada pola IMU. Foto: Santi Alvite
A catedrática de Análise Matemática e presidenta da Real Sociedade Matemática Española, Victora Otero, foi designada para representar España nese importante conclave científico que terá lugar en Nova York o vindeiro mes de xullo.
Santiago de Compostela

A catedrática de Análise Matemática da USC e presidenta da Real Sociedade Matemática Española, M. Victoria Otero Espinar, vén de ser designada delegada para representar España na Asemblea Xeral da Unión Matemática Internacional (IMU) que terá lugar en Nova York o vindeiro mes de xullo. A IMU reuniu a súa asemblea xeral na USC no ano 2006.

O nomeamento da profesora Otero reforza a presenza e a participación de España nos foros internacionais da IMU, nos que se abordan cuestións clave para o desenvolvemento das matemáticas a nivel global. Como delegada, a docente da USC participará nas reunións e nos procesos de toma de decisións da IMU, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre a comunidade matemática española e a organización internacional. A súa designación supón un importante respaldo institucional e pon de manifesto o compromiso de España coa colaboración científica internacional e coa excelencia académica.

Xunto coa profesora Otero Espinar, formarán parte da delegación española outros membros do Comité Español de Matemáticas (CEMat), sociedade adherida á IMU, como Alfonso Gordaliza, presidente do CEMat; Montserrat Alsina, presidenta da Sociedade Catalá de Matemáticas; e Manuel de León, académico da Real Academia de Ciencias.

Medallas Fields

A Unión Matemática Internacional é a principal organización científica internacional no ámbito das matemáticas. Entre os seus obxectivos destacan a promoción do desenvolvemento da disciplina científica a nivel mundial e o fomento da cooperación entre matemáticos e sociedades matemáticas de distintos países.

A actividade máis coñecida e con maior proxección mediática da IMU é a concesión das Medallas Fields, e é precisamente na súa Asemblea Xeral, que se celebra cada catro anos, onde se aproban as persoas galardoadas con este recoñecemento. A entrega dos galardóns terá lugar semanas máis tarde no Congreso Internacional de Matemáticos (ICM), o encontro máis importante das matemáticas no mundo, que terá lugar en Filadelfia (Pensilvania, Estados Unidos).
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2026.