Ir o contido principal
STG

A USC promove unhas xornadas nas que se analizarán as políticas de sustentabilidade ambiental nas universidades

Este xoves 8 e o venres 9 na Facultade de Psicoloxía

Analizar os logros e as tarefas pendentes das políticas de redución de impacto ambiental nas universidades españolas e europeas é o obxectivo da xornada ‘A sustentabilidade ambiental universitaria a debate’, que se celebrarán este xoves 8 e o venres 9 na Facultade de Psicoloxía. A convocatoria ten por obxectivo coñecer as accións que desenvolven as universidades españolas nesta materia, así como fomentar a colaboración entre investigadores tanto da universidade como doutros eidos. Os organizadores pretenden que as xornadas se configuren como un espazo de debate e reflexión ao redor da sustentabilidade ambiental e o papel dos distintos actores da comunidade universitaria no seu impulso e proxección. O programa inclúe a participación de expertos internacionais que analizarán a situación das universidades españolas e europeas neste eido e celebraranse ademais mesas redondas para o intercambio de experiencias e opinións. A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo, e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, María Teresa Barral Silva, presentarán as xornadas nun acto ás 9.30 horas. David Alba, da Universidade Autónoma de Madrid, explicará a continuación a situación das universidades españolas en relacións á sustentabilidade ambiental, quen dará paso a unha mesa de experiencias e debate sobre propostas concretas. O programa Universidades en Transición será obxecto de análise pola tarde, a partir das 16.00 horas, xornada na que está programada unha segunda mesa de experiencias a partir das 17.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2014.