A USC, sede do encontro mundial da ensinanza do español como lingua estranxeira

A Universidade de Santiago de Compostela é dende este mércores e ata o sábado a sede do XXIX Congreso Internacional de ASELE (Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera), no que especialistas de todo o mundo se reunirán para dialogar e debater acerca dos perfís, factores e contextos na ensinanza e aprendizaxe de ELE/EL2.
Organizado por Cursos Internacionais e a Facultade de Filoloxía da USC e a ASELE, o congreso inaugurouse na Facultade nunha cerimonia presidida polo reitor Antonio López e na que tamén participaron a decana do centro anfitrión, María José López Couso; a presidenta do Congreso Internacional ASELE e directora-xerenta de Cursos Internacionais, Pilar Taboada de Zúñiga; o presidente de ASELE, Javier Muñoz-Basols; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez.
Nese acto inaugural interveu tamén o presidente da Real Academia Española e ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva Prieto, encargado de pronunciar a conferencia de apertura ‘Lingua española e sociedade global’.
300 especialistas de catro continentes ASELE é una organización internacional que conta con máis de 800 docentes, estudantes e profesionais de arredor de 50 países, dedicados a investigar e ensinar o español como lingua estranxeira ou segunda lingua (LE/L2). Fundouse en 1987 para responder ao crecente interese en todo o mundo pola aprendizaxe da lingua española e as súas culturas.
Dende 1989 celebra un congreso internacional anual que, vinte anos despois, volve á Universidade de Santiago (en 1998 acolleu a novena edición) convertida nesta ocasión na cita mundial de referencia nesta especialidade, como darán conta os relatorios e comunicacións das máis de 300 persoas que asisten chegadas desde catro continentes: África (Arxelia, Cabo Verde, Gabón, Namibia, Senegal, Tunisia); América (Brasil, Chile, Colombia, Estados Unidos, México); Asia (China, India, Israel, Irán, Xapón, Xordania, Taiwán); Europa (Austria, Bélxica, España, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Serbia, Suecia, Suíza).
Figuras relevantes Ademais da participación do profesor da Usc Darío Villanueva, entre o claustro de intervenientes plenarios figuran especialistas tan relevantes como Joan-Tomàs Pujolà Font, da Universidade de Barcelona, e Kim Potowski, da Universidade de Illinois de Chicago (EE.UU.). Haberá ademais unha mesa redonda integrada por Ana Blanco Canales, da Universidade de Alcalá; Elisa Gironzetti, da Universidade de Maryland, (EE.UU.), e Dra. Ana Pano Alamán, da Universidade de Bologna (Italia).
O programa contempla así mesmo un amplo abano de presentacións institucionais como as que levarán a cabo o director académico do Instituto Cervantes, o director do Instituto Caro y Cuervo de Colombia en Madrid e os responsables de Cooperación Internacional e Promoción Exterior Educativa do Ministerio.