Ir o contido principal
STG

A USC sitúase entre as universidades españolas cun maior volume de captación de fondos do programa marco de I+D+i ‘Horizonte Europa’

Durante o ano en curso, a USC ten presentado un total de 123 propostas ao Programa Horizonte Europa
Durante o ano en curso, a USC ten presentado un total de 123 propostas ao Programa Horizonte Europa
É a novena entre as Universidades españolas e a segunda entidade galega con maior capacidade de captación tras a Asociación de Investigación Metalúrxica de Galicia

A Universidade de Santiago ocupa un lugar destacado en Galicia e entre as universidades españolas no referido a volume captado de fondos do Programa ‘Horizonte Europa, a iniciativa marco de investigación e innovación da Unión Europea para o período 2021 -2027. Así o testemuña o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades que acaba de facer públicos varios informes que analizan o papel de España na obtención de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos de I+D+I no ámbito deste programa marco.

O último informe analiza o período  comprendido entre 2021 e 2022 tanto no relativo á distribución dos fondos obtidos (retornos) por Comunidades como á distribución destes fondos entre os distintos tipos de entidades, recollendo a relación das que ocupan as primeiras posición. Así, Galicia ocupa o sexto posto entre as Comunidades Autónomas do Estado cunha axuda total de 124,3 millóns de euros. E por fondos obtidos, de entre as entidades galegas, a Universidade compostelá -que participa nun total de 48 actividades das que é coordinadora de 19- ocupa a segunda posición, só por detrás da Asociación de Investigación Metalúrxica de Galicia. En total en Galicia contabilizáronse un total de 261 activdiades das que os equipos promotores galegos coordinarían 65

No ámbito do Estado, a Universidade compostelá ascende á novena posición entre as universidades españolas máis destacadas por retorno, xunto con Politécnica de Cataluña Autónoma de Barcelona, Politécnica de Madrid, Pompeu Fraba, Barcelona, Politécnica de Valencia, Valencia e País Vasco. Esta distribución coincide cos resultados acadados por comunidade autónomas, xa que os maiores volumes de captación concéntranse en Cataluña, Madrid, Pais Vasco ou Comunidade Valenciana e Andalucia. Xa dende a perspectiva estatal, España é o segundo país cun maior número de participacións en Horizonte, máis de 8.500, preto das cifras acadadas por Alemaña, 8.785 participacións.

A participación galega na convocatoria Horizonte Europa está liderada pola Asociación de Investigación Metalúrxica, con 50 actividades e 8 coordinadas, e seguida pola USC, con 48 proxectos e 19 coordinados; UVigo, co mesmo número e proxectos e 12 coordinados; UdC, con 20 proxectos dos que coordina 10; ACSM Shipping CO, cun proxecto; ou Fundación Empresa-Universidade Galega, con 12 proxectos, entre outras entidades.

123 propostas e máis de 2 millóns acadados ata agora
Durante o ano en curso, a USC ten presentado un total de 123 propostas ao Programa Horizonte Europa, das que están pendentes de avaliación a metade. Ata o momento, foron aprobadas oito (das cales dúas están coordinadas pola USC), cun financiamento total obtido ata o momento de 2,1 millóns de euros, o que supón unha media por proxecto superior aos 260.000 euros.

No programa europeo anterior para o financiamento de proxectos de I+D+I, Horizonte 2020, a Universidade de Santiago de Compostela foi a entidade galega con maior volume de financiamento, participando nun total de 91 actividades das que coordinaba un terzo. Para a vicerreitoría de Política Científica da USC, os datos coñecidos do actual programa “permiten ser optimistas, e a previsión é que superemos as cifras do anterior tanto en volume de fondos captados como en número de actividades nas que se participa e que se coordinan”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2024.