A USC súmase cunha mostra ás iniciativas culturais de divulgación da obra dos dramaturgos Carlo Goldoni e Carlo Gozzi

‘Do escenario ao tórculo: Carlo Goldoni e Carlo Gozzi na imprenta veneciana do século XVIII’ é o título da exposición coa que a USC se suma ás diversas iniciativas culturais de divulgación, estudo e investigación da obra dos dous dramaturgos venecianos. A inauguración tivo lugar este xoves na Biblioteca Universitaria Concepción Arenal, onde permanecerá aberta ata o 14 de maio, cando a exposición se trasladará á Biblioteca América ata o día 30 dese mes. Ao acto de apertura asistiron o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o comisario da mostra e profesor de Filoloxía Italiana, Javier Gutiérrez Carou.
En 2006 conmemorouse o bicentenario do pasamento de Carlo Gozzi e no presente 2007 lémbrase a figura de Carlo Goldoni con ocasión do tricentenario do seu nacemento. Cidades como París, Salzburgo, Boloña ou Venecia están a organizar diversos eventos para recordar a importancia cultural de ambos os dous dramaturgos venecianos.
Godoni e GozziCarlo Goldoni (1707-1793) levou a cabo unha reforma integral da dramaturxia italiana do século XVIII inspirado nas ideas da Ilustración e no ascenso da burguesía como clase social en expansión que reclamaba un papel nas estruturas de poder dos estados. Os logros desta reforma, que desenvolve un teatro racional e realista, permite aos expertos afirmar que Goldoni é o creador do teatro moderno italiano.
O conde Carlo Gozzi (1720-1806), pola contra, deu voz aos máis pertinaces movementos contrarios á cultura da Ilustración e a calquera tentativa de modificación do statu quo socio-político da época. As súas creacións dramáticas, en directa oposición ás do rival Goldoni, recuperan os modelos do teatro barroco e insuflan nova vida ás máscaras da commedia dell’arte para transmitir unha ideoloxía reaccionaria e misoneísta.
Na presente exposición, a través das edicións do século XVIII dos textos destes autores, repásase a importancia estética e ideolóxica das súas creacións dramáticas e, ao mesmo tempo, estúdase unha das máis importantes forzas económicas da República de Venecia: a industria editorial.