A ‘USC en Transición’ comeza as súas actividades nos campus Santiago e Lugo

A Biblioteca Concepción Arenal de Santiago e a Facultade de Humanidades de Lugo acollen o luns 11 de abril sendas actividades do programa ‘USC en Transición’, proxecto que ten como obxectivo xeral dinamizar á comunidade universitaria para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. En Santiago, a Biblioteca Concepción Arenal acolle, a partir das 19:00 horas, un teatro-foro, a través do que se pretende dar a coñecer proxectos sustentables que se poderían iniciar na propia universidade de forma colectiva, co obxecto de mellorar a relación co medio ambiente e diminuír a pegada ecolóxica. O mesmo día, luns 11, comezará en Lugo o Ciclo Verde de Curtametraxes. A Facultade de Humanidades acollerá, a partir das 19:30 horas, a proxección do primeiro dos filmes, titulado ‘Los hijos del Sáhara. Retratos en los confines del mundo’; e ao rematar haberá un debate. ‘USC en Transición’ forma parte do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC e conta coa colaboración da Sociedade Galega de Educación Ambiental, da Federación Ecoloxista Galega, do grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental e das educadoras ambientais de Feitoría Verde.