Ir o contido principal
STG

A USC, segunda universidade do Estado e primeira de Galicia en captación de contratos Ramón y Cajal

Detalle dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Detalle dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Un total de 18 persoas benefícianse na Universidade de Santiago de Compostela destas axudas da Axencia Estatal de Investigación destinadas a promover a incorporación de persoal investigador cunha traxectoria destacada
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 18 persoas cunha destacada traxectoria investigadora incorpórase á USC a través dos contratos Ramón y Cajal (RyC), convocados pola Axencia Estatal de Investigación, e que pretenden promover a incorporación en organismos de investigación de persoal investigador, tanto español como estranxeiro, cunha traxectoria destacada co fin de que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable. Deste xeito, a USC convértese na segunda universidade do Estado en captación de contratos RyC, tan só por detrás da Universidad de Valencia que obtivo 24. A institución compostelá lidera tamén a captación de RyC en Galicia por enriba da UVigo con oito e da UDC con dous. 

Ademais, a finais do ano pasado incorporáronse á USC dous investigadores captados a través do programa Beatriz Galindo, centrado na atracción do talento investigador que actualmente se atopa desenvolvendo a súa carreira profesional no exterior co fin de favorecer a captación e formación de capital humano investigador e a súa mobilidade en sectores de interese estratéxico estatal, así como promover a calidade e a competitividade do persoal docente e investigador nas universidades españolas. Vinculados ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e mais ao Departamento de Historia e ao Instituto de Humanidades, ambos os investigadores veñen de desenvolver a súa traxectoria investigadora en Lisboa e Austria.

Marie Curie 

A USC sitúase como a terceira das universidades do Estado e primeira de Galicia en número de proxectos aprobados na convocatoria de axudas posdoutorais Marie-Sklodowska Curie do Programa Marco da UE, por detrás da Universitat Pompeu Fabra que obtivo doce axudas, e da Universitat de Barcelona, con dez. En concreto, na institución compostelá desenvolveranse oito proxectos, cinco dos cales pertencen ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e tres ao Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).

A Universidade de Santiago de Compostela presentou nesta convocatoria 2025 un total de 50 propostas, das cales recibirá financiamento o 16%. Ademais, cómpre salientar que outras 29 propostas —58% do total presentado pola USC— recibiron o chamado ‘Selo de Excelencia’ do programa pola súa calidade, malia non recibir finalmente apoio económico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2026.