Ir o contido principal
STG

Veterinaria advirte dos riscos derivados da presenza xeneralizada do parasito ‘Cryptosporidium’ nas granxas galegas de ruminantes

De esquerda a dereita, Díaz, Morrondo, Navarro e Díez, na Facultade de Veterinaria
De esquerda a dereita, Díaz, Morrondo, Navarro e Díez, na Facultade de Veterinaria
Esther Navarro estuda a caracterización molecular do protozoo causante de diarreas en animais e persoas nunha tese dirixida por Pablo Díaz, Patrocinio Morrondo e Pablo Díez

A presenza xeneralizada do protozoo parasito Cryptosporidium nos ruminantes domésticos aparentemente sans da maioría das granxas galegas de gando vacún, ovino e caprino pode constituír unha fonte de infección e contaxio de procesos diarreicos entres os animais máis novos das citadas explotacións e tamén constitúe un risco para a saúde humana, segundo se recolle na investigación de doutoramento que vén de presentar a bióloga malacitana Esther Navarro González na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC baixo o título ‘Caracterización molecular e potencial zoonótico de illados de Cryptosporidium en ruminantes domésticos e a súa relación coa idade’

A tese realizada por esta investigadora do Grupo de Referencia Competitiva (GR2015/003) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, unha investigación dirixida polos profesores doutores do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Pablo Díaz Fernández, Mª Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños, constitúe un detallado estudo sobre o Cryptosporidium spp., un protozoo parasito que con frecuencia agocha a causa de procesos diarreicos en animais e persoas de todo o mundo, especialmente, en individuos novos ou inmunocomprometidos, para os cales aínda non se dispón dun tratamento farmacolóxico eficaz. Outra das singularidades do Cryptosporidium é que tamén pode afectar a individuos aparentemente sans.

Estudos realizados previamente na cátedra de Parasitoloxía e Enfermidades parasitarias da Facultade de Veterinaria de Lugo, permitirán xa comprobar e Galicia unha elevada prevalencia de Cryptosporidium en ruminantes domésticos sen destetar con diarrea, xa que este axente afecta ao 32% e o 63% dos tenreiros, cordeiros e cabritos, respectivamente. No entanto, a investigación desenvolvida por Navarro González achega luz respecto do cometido que teñen na difusión e no contaxio desta enfermidade parasitaria os ruminantes de diferentes idades que non presentan diarrea. Cómpre destacar que os datos obtidos sobre a asociación entre a idade e as especies de Cryptosporidium no gando ovino e caprino son os primeiros realizados en Europa.

A tese desenvolvida por Navarro González, unha investigación financiada polo Proxecto Nacional (AGL2016-76034-P) sobre ‘Diarreas neonatais en ruminantes: novas estratexias baseadas en avances moleculares e na análise integrada de enteropatóxenos frecuentes e emerxentes’, permitiu constatar que Cryptosporidium spp. está amplamente difundido en granxas de ruminantes de Galicia sen antecedentes de diarrea neonatal. As porcentaxes de animais positivos foron do 41,6%, 47% e 50% nas explotacións de vacún, ovino e caprino, respectivamente. De feito, nestas tres especies de ruminantes domésticos, os animais adultos sen diarrea eliminaron ooquistes de C. parvum, o que ten un considerable interese epidemiolóxico. De feito, estes animais poden actuar como reservorios, contribuíndo a contaminar o medio e incrementando o risco de infección dos animais máis novos que son os máis propensos a padecer episodios de diarreas neonatais; polo que se aconsella manter os neonatos en cubículos individuais e separados dos animais adultos, a fin de evitar brotes de diarrea neonatal.

Ademais, nas 3 especies de ruminantes obxecto da investigación detectáronse os subtipos IIaA15G2R1 e IIaA16G3R1 de C. parvum, sendo o primeiro un dos principais subtipos responsables de criptosporidiosis humana, o que confirma que en Galicia o gando vacún, ovino e caprino, aínda que non presenten diarrea, poden constituír unha fonte de infección para as persoas, polo que, especialmente, os gandeiros deben extremar as medidas hixiénicas no manexo destes animais.

Tribunal da tese e cualificación

O tribunal encargado de xulgar a tese estivo presidido por Caridad Sánchez Acedo, catedrática emérita da Universidade de Zaragoza. O catedrático de Sanidade Animal da Universidade de Sassari (Italia) Antonio Scala e Rosario Panadero Fontán, profesora titular da Área de Sanidade Animal da USC, que actou como secretaria, completaron a composición do tribunal, que outorgou, por unanimidade, a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de doutoramento presentada por Esther Navarro González. A nova doutora acadou tamén a mención internacional grazas a unha estadía completada na Universidade de Nanjing logo de acadar unha achega do Consello Nacional de Bolsas de China.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2018.