Ir o contido principal
STG

Veterinaria súmase á loita contra a resistencia aos antibióticos desde a granxa á mesa baixo o enfoque ‘One Health’

Sanidade Animal e Microbioloxía
Esta investigadora analizou carne de ave (polo e pavo) adquirida directamente en establecementos de venda. FOTO: Santi Alvite
A investigación de doutoramento desenvolvida pola luguesa Dafne Díaz Jiménez baixo a dirección de Azucena Mora apunta a redución da presión antibiótica na produción avícola e a vixilancia da evolución bacteriana como prioridades de saúde pública
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC súmase á loita contra a resistencia aos antibióticos desde a granxa á mesa baixo o enfoque ‘One Health’ (Unha saúde única), tal e como o proba a tese de doutoramento ‘Zoonotic potential of Escherichia coli and other Enterobacteriaceae isolated from poultry meat: study of antibiotic resistances and definition of clonal groups pathogenic for humans’, desenvolvida pola luguesa Dafne Díaz Jiménez baixo a dirección da doutora en Veterinaria e profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC Azucena Mora Gutiérrez. Esta investigación, financiada ao abeiro de dous proxectos nacionais da Axencia Estatal de Investigación, e avaliada por científicas de referencia nas áreas de Sanidade Animal e Microbioloxía, conclúe que a redución da presión antibiótica na produción avícola e a vixilancia da evolución bacteriana constitúen dúas prioridades de saúde pública.

Dafne Díaz aborda na súa tese de doutoramento, que é o compendio de varios artigos científicos, algúns dos riscos prioritarios para a sociedade, como o son a seguridade alimentaria ou a resistencia a antibióticos. Daquela, nas súas pescudas, esta investigadora analizou carne de ave (polo e pavo) adquirida directamente en establecementos de venda coa pretensión de utilizar así o punto final do sistema produtivo para avaliar toda a cadea “da granxa á mesa”.

Este enfoque xa implica un aspecto innovador, dado que os procedementos tradicionais solo recoñecían e vixiaban como patóxenos de transmisión alimentaria o grupo dos Escherichia coli diarreaxénicos . Os resultados obtidos por Díaz Jiménez na súa tese esbozan, non obstante, outro escenario, xa que confirman o importante cometido que cumpren os alimentos como potenciais transmisores dos E. coli patóxenos extraintestinais.

Outra das achegas metodolóxicas relevantes que presenta a investigación de Dafne Díaz Jiménez atinxe ao deseño dun fluxo de traballo de laboratorio apropiado para proceder a unha avaliación integral do risco microbiolóxico da carne e que inclúe unha técnica de PCR específica para a detección dos E. coli patóxenos extraintestinais.

Doutra banda, os resultados compilados nesta tese de doutoramento determinan que a microbiota da carne de ave de curral é unha fonte de enterobacterias xeneticamente diversas, resistentes a antimicrobianos relevantes para a terapia clínica humana (categorías A e B da EMA) e potencialmente patóxenas para os humanos. Neste grupo están incluídos patotipos híbridos de E. coli e grupos clonais de Klebsiella pneumoniae de interese clínico.

Nesta conxuntura, a investigación defende como moi recomendable a implementación dun monitoreo sistemático de bacterias resistentes, ademais dos E. coli patóxenos extraintestinais nos alimentos nos propios puntos de venda ao consumidor. Esta medida, sostén Díaz Jiménez, actuaría como ferramenta de seguimento “da granxa á mesa” desde a estratexia de Unha Saúde Única (One Health).

Tribunal de tese e cualificación

A catedrática de Sanidade Animal da Universidade de Murcia María Rosa Caro Vergara presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Dafne Díaz Jiménez na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Ana María Carvajal, catedrática de Sanidade Animal da Universidade de León, e a profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC Ana María Otero Casal completaron un xurado que outorgou a esta investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Tribunal de tese
A nova doutora posou coas profesoras que integraron o tribunal
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2021.