Ir o contido principal
STG

Veterinaria valida un método simple de preparación de mostras de soro para a análise de elementos esenciais e tóxicos por ICP-MS

De esquerda a dereita, Miranda, Luna e López, na Facultade de Veterinaria de Lugo
De esquerda a dereita, Miranda, Luna e López, na Facultade de Veterinaria de Lugo
O profesor ecuatoriano Diego Luna, avalía na súa tese, dirixida por López Alonso e Miranda Castañón, a conveniencia de facer estas análises en soro ou en plasma

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC avanza avaliación diagnóstica do status de oligoelementos ou microminerais en gando vacún, a través da creación e posterior validación dun método simple de preparación de mostras de soro para a análise de elementos esenciais e tóxicos por ICP-MS. Esta nova achega científica é un dos froitos da tese de doutoramento titulada ‘Avaliación diagnóstica do status micromineral en aniamais’, realizada por Diego Luna Narváez, profesor da Universidade Central de Ecuador na Facultade de Medicina Veterinaria de Quito, baixo a dirección das profesoras do Departamento de Anatomía, Producción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Marta López Alonso e Marta Miranda Castañón.

A investigación de doutoramento desenvolvida por Luna Narváez englóbase dentro dun proxecto de investigación do plan nacional no que se avaliou o status nutricional e sanitario do gando vacún de leite no norte de España, no marco dunha actuación dirixida e liderada pola USC, en colaboración con diferentes centros de investigación e universidades nacionais e internacionais.

A importancia desta investigación, na que, entre outras cuestións, tamén se avalía a conveniencia de facer estas análises en soro ou en plasma, a fin de optimizar así a precisión dos resultados acadados, non é menor. Cómpre lembrar neste senso que o metabolismo dos oligoelementos é de gran relevancia para manter a correcta saúde e a produción nos nosos animais. Estudos previos deste grupo de investigación do Campus Terra da USC poñen de manifesto que a prevalencia de deficiencia de oligoelementos en Galicia e no Norte de España é alta, e polo tanto merece atención e control de cara a garantir a correcta saúde e produción dos animais.

Un dos piares básicos á hora de facer unha análise e un correcto diagnóstico é dispor de técnicas analíticas axeitadas e facer unha preparación, elección e manexo das mostras acaído para ter resultados coherentes. Daquela, ademais de validar este novo método de análise, Luna Narváez tamén prestou especial atención nas pescudas desenvolvidas no marco da súa tese de doutoramento ao cometido que desenvolve o fígado como órgano clave no metabolismo dos microminerais, razón pola que fixo un estudo para ver que parte do fígado é a mellor para facer as análises de elementos esenciais e tóxicos por ICP-MS.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo formado por tres expertos no ámbito da medicina e produción animal. O xurado estivo presidido polo profesor da Universidade de León José Ramiro González Montaña. A investigadora da USC Inmaculada Orjales Galdo actuou como vogal deste tribunal, do que desenvolveu as funcións de secretario Luis Quintela Arias, profesor do Departamento de Patoloxía Animal da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2019.