Victoria Otero Espinar, reelixida decana da Facultade de Matemáticas

A profesora Victoria Otero Espinar repetirá un mandato máis como decana da Facultade de Matemáticas logo de que esta mañá se celebrasen eleccións no centro cun resultado de 53 votos a favor da súa candidatura (única) e 23 en branco. Nesta nova andaina acompañarán á profesora Otero no equipo decanal as profesoras Josefina Ling Ling e Rosa Crujeiras Casais. María Victoria Otero Espinar é profesora do Departamento de Análise Matemática, licenciada na USC onde tamén se doutorou. Completou a súa formación iniciando o seu labor investigador en prestixiosos centros de Estados Unidos e Francia. Membro do grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’, o seu labor investigador céntrase na análise funcional, os sistemas dinámicos e os problemas de contorno en ecuacións diferenciais ordinarias. A decana participou en máis de vinte proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas e é autora de máis de trinta artigos científicos en revistas incluídas no JCR, nos que colabora, ademais de con investigadores da USC, con especialistas internacionais como Ravi Agarwal, do Florida Institute of Technology; Hyman Bass, da Columbia University; Paul Glendinning, da Universidade de Cambridge ou con Charles Tresser do centro de investigación de IBM.