Ir o contido principal
STG

A vida universitaria de 0 a 3 anos

López e Lorenzo na súa visita á Escola. Foto: Santi Alvite
López e Lorenzo na súa visita á Escola. Foto: Santi Alvite
A Escola Infantil Breogán, destinada a familias con vinculación coa USC, impulsa técnicas de innovación pedagóxica para achegar a ciencia ao seu alumnado
Santiago de Compostela

A Escola Infantil Breogán é un servizo educativo que ofrece a USC a toda a comunidade universitaria no seu compromiso social coa conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Porén, a vertente asistencial non é o único servizo que este centro presta, senón que este eido compleméntase cunha clara vocación pedagóxica que, tal e como afirma a súa directora, Luz González Vázquez, “está baseada principalmente na afectividade, na observación, na experimentación e no xogo a través dun proxecto educativo global e integral”.

Esta Escola, que no presente curso ofertou 91 prazas, está destinada a atender as necesidades de familias con vinculación coa USC. Estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos poden solicitar praza neste centro de atención á infancia de 0 a 3 anos de idade e que conta con servizo de comedor e cociña, así como con asesoría pediátrica.

Proxectos científicos

Centrada no desenvolvemento integral dos menores na súa faceta cognitiva, conductual e emocional, a escola afonda na innovación educativa a través de movementos de renovación pedagóxica. Neste senso, o centro traballa en verter a riqueza investigadora que a USC sementa, na formación dun alumnado tan novo a través de diferentes obradoiros científicos. “Profesorado do grupo de investigación Photonics 4 Life ensinaralle aos pequenos a importancia da luz nas nosas vidas a través da combinación de cores, da proxección da luz e dos xogos con sombras. Tamén aprenderán como xuntando cores aparecen outras diferentes e experimentarán como non somos capaces de atrapar a luz coas mans”, explica a directora do centro.

Nesta liña e dende a Facultade de Bioloxía impulsarase unha actividade cuxa finalidade primordial consiste en inculcarlles aos pequenos e pequenas, a importancia da hixiene nas mans de cara a evitar a transmisión de enfermidades. “A experiencia consiste en que os nenos e nenas apoien as mans despois de emporcalas nunhas placas con medio de cultivo para bacterias. Logo lavaranas e apoiaranas de novo noutras placas co mesmo tratamento. O terceiro paso consiste en lavalas de novo con auga osixenada e ver que pasa. Ao longo da semana irán observando as distintas placas para ver como van medrando as bacterias. O último día ensinaránselles as tres placas para que se dean conta da necesidade de lavar as mans con frecuencia para evitar enfermidades”, subliña Luz González Vázquez.

O proxecto ‘Abrindo a porta ás matemáticas’, impulsado dende a propia Facultade da USC e inspirado no conto “Por catro esquinas de nada” de Jerome Ruillier, permitirá coa axuda dunha boneca abordar a familia das formas xeométricas traballando a clasificación, o igual e o distinto, así como a importancia de abrir as portas ao diferente. Con bloques xeométricos cheos de líquidos de cores amosarase como se move a auga na costa.

Estas actividades serán desenvolvidas no centro a partir do Nadal. Ademais, alumnado de Ciencias da Educación traballa coa Escola na elaboración de obradoiros de plástica, psicomotricidade, música, ou contacontos. Neste senso, o centro colabora na formación dos alumnos e alumnas de prácticas, e recibe a aqueles que desexan coñecer este espazo a través do voluntariado. “ Organizamos tamén outras actividades como concertos, representacións teatrais e saídas ao exterior. Este curso, por exemplo, os nenos e nenas de 3 anos visitaron o Museo de Ciencias Naturais”, continúa a directora.

Mellora das infraestruras

O reitor Antonio López e a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tiveron a oportunidade de visitar a infraestrutura mellorada da Escola Infantil Breogán tras as obras que se efectuaron no centro durante o mes de agosto e que permitiron a súa adecuación á normativa vixente de accesibilidade, prevención e seguridade. Nesta liña, realizáronse modificacións nas distintas dependencias, substituíndo a carpintería interior e colocando portas corta lumes, así como modificando as zonas de descanso e aseo. Asemade, renováronse os materiais buscando deseños acordes coa temática infantil deste centro pioneiro en técnicas pedagóxicas innovadoras entre os máis pequenos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.