Ir o contido principal
STG

O VIII Curso de Primavera da Facultade de Humanidades afonda no legado cultural escrito do último milenio

De esquerda a dereita, Mª Concepción Fernández, Mario Outeiro, Pedro García Herradón, José Carlos Rdoríguez Andina e Mª Isabel González, durante a inauguración do VIII Curso de Primavera da USC en...
De esquerda a dereita, Mª Concepción Fernández, Mario Outeiro, Pedro García Herradón, José Carlos Rdoríguez Andina e Mª Isabel González, durante a inauguración do VIII Curso de Primavera da USC en...
As actividades do programa desenvolveranse ata o sábado 5 nas instalacións do centro no campus lucense e no Museo Provincial de Lugo

O VIII Curso de Primavera da USC, que se desenvolve ata o sábado 5 na capital lucense, comezou este mércores as súas sesións na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde se levou a cabo a inauguración do encontro, presidida polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, para quen este encontro “é unha mostra máis do esforzo dos nosos docentes por desenvolver un labor académico que vai máis alá das súas obrigas, o que se agradece especialmente nestes momentos de desconfianza xeneralizada sobre o compromiso dos traballadores públicos”. Ademais de Herradón, estiveron presentes no acto inaugural o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o coordinador da Área de Cultura da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González Rey, quen destacou o “alto nivel do programa, con presenza de profesores e investigadores de recoñecido prestixio, tanto da nosa universidade coma doutros centros”. Tamén interveu a directora do curso, a profesora Mª Concepción Fernández López, quen fixo un chamamento para incrementar a presenza da cultura clásica nos estudos universitarios, “como xeito de coñecer de onde vimos e por que somos como somos”. Así mesmo, no decurso da inauguración procedeuse á presentación das actas da edición anterior do curso por parte do profesor Carlos Baliñas, un dos seus coordinadores. O resto da xornada componse a partir dunha serie de relatorios, a cargo da profesora da Universidad Complutense de Madrid Ana Moure Casas (‘Exeria: problemas filolóxicos’) e dos profesores da Facultade de Humanidades da USC Mª Concepción Fernández López, Eva Mª Castro Caridad e José Mª Anguita Jaén, quen falarán sobre a lauda de Tirimol, a tradición milenaria na escritura da muller e diversas inscricións milenarias lucenses, respectivamente. Un amplo abano de temáticas Este ano os organizadores do curso propoñen unha viaxe a través das pegadas que os seres humanos foron deixando en forma de palabra escrita nos últimos mil anos, baixo o título ‘ OH LVX! Vida e Letras Milenarias (Lugo 1012-2012)’. “Este ano presentamos unha temática moi ampla e que abrangue moitas disciplinas, pero co nexo en común da palabra como herdanza que os nosos devanceiros nos foron deixando na lingua, nos libros, nas pedras ou nos nomes de lugar”, explica Mª Concepción Fernández. A organización incorporou ao título do curso unha destacada efeméride: a lauda sepulcral de San Xoán de Tirimol, unha das pezas conservadas no Museo Provincial de Lugo, chega ao seu primeiro milenio de existencia desde que fora gravada no ano 1012. Sobre esta lauda trata un dos relatorios das xornadas, nas que participan profesores da USC e doutros centros universitarios e de investigación, que afondarán nos avances acadados en ámbitos como o estudo da linguaxe oral e literaria, a toponimia e o poboamento da área lucense, a arqueoloxía e a paleografía, a edición de textos, a análise das fontes nas investigacións históricas ou a conservación do patrimonio artístico. Actividades para o día 3 O xoves 3 continúan as sesións na Facultade de Humanidades, onde ás 11.00 horas o profesor do centro Carlos Baliñas impartirá o relatorio ‘ De Furore Normanorum...: Lugo e os normandos na Alta Idade Media’. A xornada de mañá complétase coa intervención da profesora Dolores Dopico, tamén da Facultade de Humanidades, quen falará sobre a permanencia e cambio dunha institución tradicional: o hospitium romano. Pola tarde a profesora Ana Goy presenta o seu estudo sobre a revalorización de pezas medievais da catedral de Lugo na época barroca, centrado no caso da Virxe dos Ollos Grandes. A continuación, A investigadora do CSIC Isabel Beceiro achega o seu relatorio ‘Figuras fundadoras da Antigüidade clásica na tradición alfonsí’. A xornada complétase ás 18.30 horas cunha sesión cinematográficas e un coloquio posterior. O venres 4 os relatorios tamén se desenvolverán na Facultade de Humanidades, mentres que a xornada de clausura, o sábado 5, terá lugar no Museo Provincial. Este curso forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012, organizado pola USC coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Presentación das actas correspondentes á edición do ano pasado do Curso de Primavera por parte do profesor Carlos Baliñas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2012.