As viñetas de Diana Raznovich na mostra ‘Non ten nome’ pecharán o seu periplo por Santiago na Facultade de Farmacia

Logo de Filoloxía e Medicina, a exposición ‘¡Non ten nome!’ coas viñetas cómicas da artista Diana Raznovich rematará o seu periplo por Compostela cunha estadía dunha semana, entre os días 13 e 17 de febreiro, na Facultade de Farmacia. O seguinte destino será Lugo onde se poderá visitar na Facultade de Veterinaria a finais de mes, entre os días 20 e 27. ‘¡Non ten nome!’ é unha iniciativa enmarcada na campaña Linguaxe para a Igualdade na Comunicación (LIC) do Centro de Estudos da Muller da Universidade de Alacante. Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Universidade de Alacante presentou hai tres anos esta Campaña, deseñada por Diana Raznovich e con textos de Elena Simón Rodríguez, lingüista e experta en igualdade de xénero. A campaña pon de manifesto a importancia da linguaxe como ferramenta para a comunicación e a transmisión da cultura, fundamental para alcanzar unha situación de igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, máis acorde coa nova realidade social e legal.