As vítimas da Guerra Civil e a represión recordaranse nun curso de verán na Facultade de Humanidades de Lugo
A programación de cursos de verán da USC para o Campus de Lugo comeza o luns 9 de xullo na Facultade de Humanidades, onde ata o venres 13 se analizará a historia das vítimas da Guerra Civil en Galicia no curso ‘As vítimas do 36 en Galiza. Memoria e Paz para sempre’. Docentes da USC como Xesús Alonso Montero ou Carmen Blanco e intelectuais como Díaz Pardo ofrecerán relatorios e mesas redondas sobre a situación dos escritores galegos na época, a memoria galeguista, a represión no ensino ou o exilio, entre outros. Contarase ademais co testemuño de varias persoas de familias represaliadas.
O relatorio inaugural correrá a cargo do profesor emérito da USC, Xesús Alonso Montero, titulado ‘Os escritores galegos e a represión: as musas do medo’, seguido pola intervención da tamén profesora da USC e escritora, Carmen Blanco, quen falará sobre o papel das mulleres na resistencia antifascista. Pola tarde se celebrará unha táboa redonda sobre a desfeita e recuperación da memoria galega, na que intervirá o intelectual Isaac Díaz Pardo e portavoces das asociacións da Iniciativa Galega pola Memoria. A continuación o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, ofrecerá o seu relatorio ‘Represión e memoria galeguista: de Camilo Díaz Baliño a Isaac Díaz Pardo’.
Na segunda das xornadas, o martes 10, a profesora María Xesús Souto Blanco abordará a represión na provincia de Lugo e o catedrático da Universidade de A Coruña, Narciso de Gabriel, analizará a represión no ensino. A persecución dos republicanos e masóns será outro dos temas a tratar, neste caso cun relatorio do investigador Luis Lamela. A quenda de tarde resérvase para escoitar os testemuños dos familiares que sufriron represión en Lugo.
O mércores 11 de xullo, analizarase a represión noutras provincias, deixando tamén o tempo da tarde para os encontros coas familias de protagonistas represaliados como é o caso do sindicalista Francisco Mazariegos, da mestra Mercedes Romero Abella, ou do líder galeguista Alexandre Bóveda, asasinados todos eles en 1936.
A persecución dos diferentes grupos políticos centra a xornada do xoves, analizando o acoso sufrido por militantes socialistas, comunistas e os anarquistas. Pola tarde o historiador Bernardo Máiz Vázquez ofrecerá o relatorio ‘Mugardos “rojo”. A historia de Amada García’ e a continuación, Francisco Xavier Redondo Abal falará sobre a guerrilla antifranquista. Como remate está previsto o encontro coas familias de Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e da intelectual republicana Juana Capdevielle, asasinados en 1936.
No último día das xornadas abordaranse temas como o exilio ou a memoria da actriz María Casares, e o catedrático da USC e membro do Consello da Memoria, Lourenzo Fernández Prieto, explicará en qué consiste o proxecto ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’.
Como peche ao curso o poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, Claudio Rodríguez Fer, ofrecerá un recital poético baixo o título ‘Paz Para Sempre’ e a Compañía de Teatro do Campus de Lugo interpretará a peza ‘Km. 526’, baseado no texto As costureiras de Claudio Rodríguez Fer.